Eva Veiga será homenaxeada como Escritora na súa Terra

A asociación de escritores dedicaralle este recoñecemento en Pontedeume

2/1/2026 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaLingua
86 lecturas | Compartido 1 veces

Eva Veiga. Fotografía de Alfonso Costa. Fonte: Academia Galega do Audiovisual

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) comezou o ano tomando a decisión de que a poeta Eva Veiga (Ombre, Pontedeume, 1961) reciba a Homenaxe A Escritora na súa Terra-Letra E en 2026, en Pontedeume, destacando, dentro da súa importante traxectoria vital, a súa amplamente recoñecida obra literaria. Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de tres décadas como unha celebración na que a terra natal ou de acollida da persoa homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida pola propia autora e a colocación dun monólito conmemorativo. A asociación destaca de Veiga, dentro da súa importante traxectoria vital, a súa amplamente recoñecida obra literaria. Veiga é unha recoñecida escritora e xornalista, destacando a súa obra poética, coa que acadou múltiples galardóns. Tamén ten publicados traballos de ensaio e como actriz, foi a protagonista da longametraxe 'A cicatriz branca', de Margarita Ledo, realizadora coa colaboraría en outros filmes. Xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, formou parte do grupo poético-musical Ouriol.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves