A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ven de facer público o acordo do outorgamento a Fina Casalderrey da Homenaxe A Escritora na súa Terra en 2023, que recibirá en Pontevedra no mes de xuño. Fina Casalderrey (Xeve, 1951) mestra de profesión xa xubilada, é unha das mais reputadas escritoras galegas de literatura infantil e xuvenil e ten, entre outros moitos premios e recoñecementos pola súa extensa obra literaria, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, polo seu libro "O misterio dos fillos de Lúa" (Ediciones SM, 1995). Esta iniciativa anual da AELG conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituÃdo ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación da árbore simbólica elixida pola propia autora e a colocación dun monólito conmemorativo.