Xinzo reparte os seus Premios da Cultura

Os galardóns locais recoñecen a figuras como Antón Riveiro Coello ou as irmás Iria e Alba Prol

Os galardóns locais recoñecen a figuras como Antón Riveiro Coello ou as irmás Iria e Alba Prol
O Concello de Xinzo de Limia vén de facer pública a acta do xurado dos seus Premios da Cultura 2025, doce galardóns que buscan recoñecer o talento, a creatividade e o compromiso social que definen a identidade limiá. A pesares do seu forte carácter local este recoñecementos alcanzan tamén a figuras cuxa actividade trascende esa territorialidade. Os 12 premios e dúas mencións honoríficas especiais, abarcan dende a historia e a tradición ata o audiovisual máis contemporáneo.

Compre destacar no palmarés dos galardóns nomes como o do escritor Antón Riveiro Coello, que recibe o Premio á Defensa e Promoción da Lingua pola súa traxectoria narrativa e a proxección da Limia na súa obra; a proxección exterior e o talento audiovisual nestes premios levan o nome da produtora Cecilia Perolio (Cine e TV) e das irmás Alba Prol e Iria Prol (Artes Visuais e Documental), cineasta e ilustradora, respetivamente. No apartado musical, prémiase a innovación rebelde de Milocho Oro e Os Festicultores Troupe e a conservación da tradición cos Os Jalos d’Antioquia, que celebran o seu 25º aniversario.

O Premio Especial da Cultura 2025 recae este ano en Edelmiro Martínez Cerredelo, cronista oficial da vila. A tradición tamén ten un peso específico no fallo, recoñecendo aos artesáns das Pantallas: Aurora Dacal e Santiago Martínez (Arte Arrebol) e Juan López "Juanillo Antioquia", gardiáns dun oficio identitario, co Premio á Defensa da Cultura Popular. Outras asociacións e persoas moi relacionadas coa cultura do entroido recollerán tamén galardóns nunha gala que se vai celebrar o vindeiro 26 de decembro.