Os premios Fervenzas Literarias recoñecen a Riveiro Coello e a Rivas

Andrea Maceiras, María Solar e Santiago Cortegoso tamén foron recoñecidos nos galardóns

Un total de 441 enquisas respondidas por Internet decidiron os premios Fervenzas Literarias aos mellores libros de 2015. Os galardóns que concede desde hai nove anos esta revista dixital dedicada ás nosas letras recoñeceron nesta ocasión Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello como mellor libro de narrativa, mentres Manolo Rivas venceu en poesía con A boca da terra. A Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega que coordinou Blanca-Ana Roig Rechou foi valorado como o mellor libro de ensaio e investigación, Raclette de Santiago Cortegoso impúxose en teatro e a última entrega de O bichero, de Luís Davila foi considerado o mellor traballo de banda deseñada.

Tamén houbo premios para Morte en Venecia, de Thomas Mann na versión de Laureano Xoaquín Araújo como mellor libro traducido para público adulto. Andrea Maceiras e Europa Express levou o premio ao mellor libro de literatura xuvenil, O meu pesadelo favorito de María Solar foi o mellor libro de literatura infantil e a mellor tradución infantil e xuvenil foi a banda deseñada O papiro do César, que levaron á nosa lingua Xavier Senín e Isabel Soto.

As votacións seleccionaron a Ledicia Costas como autora do ano e a Xosé Cobas como ilustraodr. A mellor capa de libro para adultos foi a de O último día de Terranova, e no campo da literatura infantil e xuvenil recoñeceuse a de Lendo lendas, digo versos, feita por Xosé Cobas.

Xerais impúxose como mellor editora do ano, Armando Requeixo como mellor crítico (tamén como autor do mellor blog por Criticalia) e o Culturgal como o mellor acontecido no ano. O pasamento de varios escritores foi o pior acontecido en 2015 para os lectores da publicación. A mellor libraría foi Couceiro e, de novo, Praza fíxose co recoñecemento a mellor medio de comunicación.