Os V Premios Crea recoñecen o traballo de Senunpeso

O sabor das margaridas e a Asociación CIMA recibiron cadansúa mención especial nos galardóns

Fotografía das persoas galardoadas no V Premios CREA
Fotografía das persoas galardoadas no V Premios CREA
A Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) entregaba na mañá deste 20 de xullo os galardóns cos que os seus membros recoñecen "aquelas colegas que destacasen nas distintas facetas da dirección audiovisual". O proxecto LAV de Vedra, que organiza a Asociación Senunpeso, foi recoñecido co Premio de Honra, e houbo dúas mencións especiais, unha á internacionalización do audiovisual galego para O sabor das margaridas e outra á promoción da igualdade de xénero que levou CIMA - Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales.


A Mellor dirección de longametraxe documental foi, segundo os membros de CREA, a de Antonio Mba Grunfeld en Manoliño Nguema, mentres en curta documental o galardoado foi Pablo Fontenla por Helsinki 79. Óliver Laxe obtivo o recoñecemento á mellor dirección de longametraxe de ficción polo seu traballo en O que arde, mentres 16 de decembro valeulle a Álvaro Gago o galardón á mellor dirección de curtametraxe.

Juan Lesta foi galardoado na categoría de mellor dirección de obra experimental por Una partícula en suspensión más allá del universo, Jorge Coira ficou como mellor director de serie de televisión por Hierro e Lucía Estévez como mellor traballo no campo das webseries con Fin. O traballo de Fon Cortizo en Festigaliando valeulle o premio á mellor dirección de Programa de televisión, mentres Juan Galiñanes e Fran Rodríguez conseguiron, con Desde o mar o premio ao mellor spot. O videoclip de Got to get up de Gary Clark Jr, valeulle a Manu Viqueira o premio á mellor dirección nesta categoría.