Manuel López Rodríguez faise co XXV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

O galardón da Asociación Cultural Ergueitas e o Concello de Sarria está dotado con 6.000 euros

Manuel López Rodríguez. Fotografía de Ogalego.gal - Obra propia, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=139825989
Manuel López Rodríguez. Fotografía de Ogalego.gal - Obra propia, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=139825989
A Asociación Cultural Ergueitas e o Concello de Sarria daban a coñecer na mañá deste 19 de novembro o fallo do vixésimo quinto Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. A obra Ambiente, de Manuel López Rodríguez, impúxose no certame, que conta cunha dotación de 6.000 euros. A editorial Espiral Maior correrá coa edición do poemario.

Pilar Pallarés, Míriam Ferradáns e Inmaculada Núñez, actuando como secretaria a presidenta da A.C. Ergueitas, María Casar Díaz e como presidente o Concelleiro da Área de Cultura de Sarria, César No Cortiñas, foron os responsables da selección.

Segundo recolle a acta do xurado, a obra "configura unha proposta poética que combina observación, emoción e simbolismo, ofrecendo una lectura sensible e crítica do entorno familiar, social e urbano. Destacan a súa coherencia temática, a calidade expresiva e a capacidade de convidar á reflexión sobre o que significa habitar o tempo e os espazos que nos conforman, ademais de transformar o ordinario en revelación pola precisión simbólica e pola profundidade emocional que articula una obra unitaria e humana".

Ambiente "propón un exercicio de suxestión cara a fondura a partires de versos que presentan o cotiá. Amosa a capacidade de presentarnos o envés de espazos e situacións desde escenas, 'ambientes', como indica no título, que son convencionais. Trátase dunha obra con autoconciencia poética, con imaxes moi suxerentes e cunha visión moi propia que convida a 'ver'".

López Rodríguez xa recibira nos últimos anos galardóns de poesía como o Johán Carballeira, o Lueiro Rey ou o Eusebio Lorenzo Baleirón.