Emma Lustres recollerá a Medalla de Ouro dos Premios Forqué

O galardón da EGEDA recoñece a carreira da produtora galega e a súa defensa dos dereitos da profesión

Emma Lustres. Fontes: Premios Forqué
Emma Lustres. Fontes: Premios Forqué
A produtora e fundadora de Vaca Films, Emma Lustres, foi galardoada este 13 de novembro coa medalla de ouro de EGEDA, Sociedade de servizos para os produtores audiovisuais. O recoñecemento, que se outorga no marco dos Premios Forqué do cinema estatal, valora a carreira da profesional galega canda á súa loita polos dereitos do oficio de produción. Lustres recollerá o emblema na gala de los 31 Premios Forqué que se celebrará o 13 de decembro en Madrid.

Segundo destacou Enrique Cerezo, presidente de EGEDA, "este recoñecemento, o máximo que a Entidade de Xestión outorga a unha personalidade fundamental para o desenvolvemento do sector da produción, responde ao relevante papel que Emma Lustres desempeñou ao facer posible algúns dos títulos máis memorables da nosa cinematografía recente. A súa atrevida aposta por producións de gran relevancia e calidade e a súa clara visión de futuro ao participar na fundación da exitosa produtora Vaca Films demostran o talento e a brillantez dunha muller que soubo erixir como unha das grandes figuras que pasarán á memoria do audiovisual español".

A destacada traxectoria de Vaca Films desde a súa fundación en 2003, co posterior desenvolvemento de propostas como Vaca TV, Vaca Net TV e Vaca Docs, destinadas a desenvolver contido para plataformas, amosou o potencial de internacionalización do audiovisual do Estado. Títulos como Cien años de perdón, de Daniel Calparsoro; El desconocido, de Dani de la Torre; Celda 211 e El niño de Daniel Monzón; ou Quien a hierro mata de Paco Plaza, ademais de diferentes documentais dan conta do traballo desta firma. Segundo apunta EGEDA "as súas producións recadaron máis de 50 millóns de euros nas salas de cine en España e distribuíronse por todo o mundo a través das principais plataformas" audiovisuais.

Canda a isto, o galardón valora que Lustres "compartiu o seu compromiso pola defensa dos dereitos do produtor, un cometido que a produtora demostrou formando parte das xuntas directivas de distintas institucións na defensa do audiovisual. A súa actividade na defensa da figura do produtor convértea nun exemplo a reivindicar" polo sector.