"O poder do símbolo" protagoniza as VIII Xornadas sobre Antropoloxía

O encontro anual da Sociedade Antropolóxica Galega celébrase en Pontevedra entre os días 13 e 15 de novembro

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
"O poder do símbolo" protagoniza as VIII Xornadas sobre Antropoloxía

O Teatro Principal de Pontevedra acolle entre os vindeiros 13 e 15 de novembro as VIII Xornadas sobre Antropoloxía. A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) organiza o encontro anual que se centra nesta ocasión no tema "O poder do símbolo".

Ana Durán abrirá o encontro o día 13 a falar do simbolismo da luz na arqueoloxía relixiosa, mentres Buenaventura Aparicio abordará "a caza do cervo nos gravados rupestres prehistóricos galegos". A sesión finalizará cunha mesa redonda entre os dous relatores.

O día 14 será a quenda da investigadora e traballadora social Pili Silva para tratar a simboloxía das plantas na conferencia "entre a selva dos símbolos e os símbolos da selva", a quen acompañará José Luis Cardero Lopez, doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, nun relatorio sobre "a transición entre signo e símbolo no camiño da identidade, e de como se producen e conservan estes elementos nas distintas comunidades culturais". De novo unha mesa cos dous participantes fechará o encontro.

A terceira sesión das xornadas comezará cunha visita ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, con Rafael Quintía a falar encol de "Símbolo, mito e natureza. A construción cultural da paisaxe". Durante a tarde realizarase a presentación do número doce do anuario Fol de Veleno da SAGA, Israel J. Espino tratará a simboloxía sagrada do monstro feminino e Bieito Romero fechará o programa a tratar a "Simboloxía máxica en Galicia (arte e escrita)".

Que che parece esta nova?
142 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Antropoloxía, Sociedade Antropolóxica Galega, Teatro, Teatro Principal de Pontevedra...