A recuperada Bienal de Pontevedra pecha cun balance triunfal

No Museo de Pontevedra preparan xa con máis ambición a edición para 2027

No Museo de Pontevedra preparan xa con máis ambición a edición para 2027
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez acompañados por parte do equipo responsable da 32ª Bienal
Tras 102 días de frenética actividade artística que colocaron á provincia de Pontevedra como centro neurálxico da expresión contemporánea en diversos formatos, o presidente da Deputación Provincial, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez fixeron un balance máis que positivo desta Bienal de Arte recuperada tras 15 anos de ausencia. Segundo os resultados dun estudio de impacto foron máis de 125.000 visitantes os que pasaron polas distintas sedes da Bienal nesta vigorosa 32ª edición. Nas conclusións do citado informe indícase tamén que o 85 % dos pontevedreses apoia a celebración de futuras edicións do evento, polo cal López adiantou o inicio dos traballos para preparar a seguinte edición, a 33ª, para 2027 que activará no vindeiro mes de novembro o proceso de selección para contratar os comisarios que a levarán a cabo.

Os datos cuantitativos de cada unha das áreas do programa da Bienal deunos a coñecer o vicepresidente Rafa Domínguez. Así, o novidoso ciclo de artes vivas que levou a Bienal por distintos concellos da provincia reuniu un total de 1.906 asistentes; o ciclo de proxeccións 'Cine, Arte e Guerra', contou con 157 espectadores; as Conversas con Artistas congregaron 398 persoas e as 75 visitas guiadas realizadas achegaron a Bienal a 1.718 asistentes. Así mesmo, os obradoiros e actividades educativas sumaron 293 participantes. Un regreso triunfal da Bienal que tanto López como Domínguez atribúen a todas as persoas que formaron parte da organización e celebración da Bienal. “Este éxito rotundo da Bienal ten moitos pais. Pais artísticos, os comisarios Antón Sobral, Antón Castro xunto con Agar Ledo, así como todos os que aceptaron participar nesta Bienal.

O mellor momento do Museo de Pontevedra
Nun contexto internacional marcado polos conflitos bélicos, a sensibilidade dos organizadores da Bienal para centrar o seu contido nas guerras co lema "Volver ser humanos ante a dos demais" foi tamén motivo de recoñecemento. "O Museo de Pontevedra, baixo o liderado de Rafa Domínguez, está a vivir un dos mellores tempos da súa historia recente. Non só está a brillar como fervedoiro cultural e artístico desde Pontevedra para toda Galicia e para toda España, senón que está a demostrar, desde a arte, a súa sensibilidade e oportunidade cos debates máis cruciais deste momento", defendeu López. "A través da mirada dos artistas, moitos deles procedentes de países en conflito, a Bienal converteuse nun espazo de reflexión, de memoria e de denuncia. Pero tamén nun lugar para a esperanza e para a defensa do que nos fai humanos. Desde Pontevedra, enviamos ao mundo unha mensaxe clara: a cultura e a arte poden e deben ser tamén unha forma de compromiso político e moral fronte á inxustiza", engadiu Domínguez. O presidente e vicepresidentes provinciais remataron o seu balance insistindo en que o regreso da Bienal non foi un capítulo illado. "Esta Bienal non é un punto final, é o comezo dunha nova etapa. Un modelo consolidado, que funcionou, que tivo resposta e que agora debe seguir medrando. O obxectivo é mellorar o que faga falta e consolidar á Bienal como un dos grandes referentes culturais de Galicia e de España, porque esta edición demostrou que Pontevedra é capaz de organizar un proxecto á altura das grandes capitais culturais, e de facelo coa súa propia identidade", concluíu Rafa Domínguez. "O éxito desta Bienal quedará pequeno cando fagamos balance da Bienal de 2027", rematou o presidente Luis López.