A Fundación DIDAC en Santiago de Compostela ven de inaugurar a tempada expositiva presentando a exposición Breviario de Tamara Feijoo (Ourense, 1982). Segundo apunta a comisaria da mostra, Mónica Maneiro, nas súas diferentes acepcións un Breviario pode ser un resumo dunha obra extensa, un libro de memoria, ou un libro de apuntamentos. Nesta ocasión o Breviario de Tamara Feijoo é unha pequena colección de pezas que funcionan como mostras e experimentos pictóricos. Trátase de escollidos espazos de pensamento sobre a propia pintura, ensaios de taller, recorrencias e descartes, que dan forma a unha imaxinería persoal que funciona como resumo de toda a súa traxectoria. Feijoo é Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e acadou recoñecementos en moitos certames como o Novos Valores de la Diputación de Pontevedra, Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, Beca de Creación Artística no Estranxeiro Gas Natural Fenosa ou Premio Julián Trincado na 12 Mostra Internacional de Arte Gas Natural Fenosa.
Neste particular compendio de Breviario están presentes o debuxo e a pintura -medios de expresión fundamentais da artista- en traballos nos que o soporte xoga tamén un papel importante. Así a artista utiliza papeis vellos e tocados polo paso do tempo procedentes de antigos cadernos e cartafoles que ela mesma vai recompilando para convertelos despois na base da súa obra. Tamén a táboa é un espazo que habita de maneira recorrente nesta exposición. En Breviario Feijoo volve sobre os mestres flamencos como referencia. A través de estes cadros intúese un regreso á figuración da artista, con imaxes que percorre4ron toda a súa traxectoria. Apuntes de ollos, prantas, mantos, pezas que recrean o seu universo poético e persoal. A mostra forma parte do programa de intercambio artístico que a Fundación DIDAC mantén co espazo Appleton de Lisboa onde foi presentada o pasado mes de maio e poderá verse no espazo da Fundación DIDAC en Santiago de Compostela ata o 23 de decembro deste ano.