A literatura volta a Santiago en outubro coa SELIC

A Semana do Libro de Compostela celebra entre os días 3 e 12 a súa primeira edición de outono

Unha sesión de lectura compartida na Praza de Obradoiro servía como preludio, este 28 de setembro, para a nova edición da SELIC. A Semana do Libro de Compostela inicia este 3 de outubro o programa da primeira edición que dirixe Lorena Conde e que traslada a súa celebración ao outono.

A praza da Quintana acollerá, como é habitual, a carpa na que estarán presentes iniciativas como as editoras Através, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Alvarellos, Cuarto de Inverno ou Rodolfo e Priscila; librarías de referencia como Lila de Lilith, Pedreira, Numax ou A Gata Tola; bibliotecas como a Ánxel Casal e a Xosé Saramago; e institucións como o Consorcio de Santiago, a USC ou o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O programa inclúe presentacións e encontros con nomes como como Andrea Nunes Brións, Eli Ríos, Gemma Ruiz Palà, Teresa Moure, Faia Díaz, Eva Veiga ou Roberto Enríquez (Bob Pop) entre moitas outras, a incluír a presentación de Sarela, de Marga Tojo, obra gañadora do Premio SELIC deste ano.

Ata o vindeiro 12 de outubro, a SELIC propón unha exposición didáctica sobre o proceso de elaboración dun libro, un encontro sobre "Libros corais, sororidade e comunidade de lectoras", outro arredor de doenzas e literatura ou un debate sobre como transmitir o interese pola lectura. Unha serie de roteiros pola cidade permitirán coñecer os camiños que percorren os personaxes de Doentes de Roberto Vidal Bolaño, os camiños da Revolución de 1846, a Compostela de Lorca ou a cidade que coñeceron Wharton e Hemingway.

Obradoiros sobre escrita creativa, creación de mapas persoais, colaxe ou elaboración de relatos autobiográficos fan parte tamén da iniciativa, que se presenta como unha aposta pola literatura de proximidade e que atende a diferentes xeitos de lectura como o libro adaptado en literatura fácil e braille, con moitas actividades en formato híbrido.