Fernanda del Nido recibirá o IV Premio de Honra Dolores Ben

A Asociación Galega de Produtoras Independentes recoñece o traballo desta profesional do audiovisual

Fernando del Nido. Fonte: Agapi
Fernando del Nido. Fonte: Agapi
A produtora executiva Fernanda del Nido foi recoñecida este 19 de setembro co IV Premio de Honra Dolores Ben que outorga anualmente a AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes). O galardón, que leva o nome da que fora presidenta da entidade, recoñece "as persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba".

Encol dos méritos de Del Nido, a entidade salienta,ç que é membro de "ACE (Ateliers du Cinema Européen) e compaxina o seu traballo de produción coa docencia, ademais de ser desde 2020 xefa de estudos do Programa EAVE Puentes". Desde a coruñesa Tic Tac Producións desenvolveu o seu labor en filmes como 18 Comidas, Polvo, Tralas luces, ¿Qué culpa tiene el tomate (estreada no MOMA) ou Agua fría de mar (premiada no Festival de Rotterdam).

Con posterioridade creou en Barcelona Setembro Cine, desde a que desenvolveu tarefas de produción para Una mujer fantástica, (Óscar á mellor película de fala non inglesa), Neruda (nomeada aos Globos de Ouro), El llanto, (Concha de Prata no Festival de San Sebastián) ou La llegada del hijo, (Premio á Mellor película arxentina en Mar del Plata FF).

A entrega do galardón realizarase o vindeiro día 8 de outubro en Cinemar Films ás 19h, estudio cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, situado no polígono de Novo Milladoiro. Con anterioridade a ela recibiron este galardón Ana Romaní, Tareixa Navaza e Rosa Moledo.