Tareixa navaza é recoñecida co II Premio de Honra Dolores Ben

O galardón da AGAPI entregarase o vindeiro 31 de xaneiro no Milladoiro

"Unha imprescindíbel do xornalismo, o primeiro rostro da televisión en galego", así define a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) a Tareixa Navaza, a quen acaba de recoñecer do II Premio de Honra Dolores Ben. O galardón valora o traballo de persoas e institucións "que encarnan os valores de loita e defensa do ben común" da que foi presidenta da entidade entre os anos 2007 e 2019.

"Pioneira na radio e televisión galegas e un dos primeiros nomes femininos que entraron nas redaccións do mundo audiovisual. Navaza representa a concepción dun xornalismo implicado coa sociedade do seu tempo", destaca a Agapi da galardoada.

Navaza, que foi galardoada co Premio Nacional de Radio, comezou a sua carreira nas ondas en 1965, e dez anos despois incorporouse á delegación da TVE no noso país, onde desenvolveu unha prolongada carreira que incluíu informativos, magazines, mesas redondas, entrevistas ou eventos históricos como a transmisión da chegada dos restos de Castelao.

Segundo lembra Agapi, por mor do seu compromiso "sufriu a censura de TVE e foi retirada aos corredores e a ler textos escritos por outros compañeiros". Logo de participar no Consello de Administración da CRTVG, voltou á TVE-G ata 2005.

A entrega do galardón desenvolverase o vindeiro día 31 de xaneiro, ás 19.30h en Cinemar Films, estudo cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no Milladoiro.