A asociación de produtoras independentes crea o Premio de Honra Dolores Ben

Leva o nome da que foi a presidenta da AGAPI durante unha década

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Dolores Ben                     Foto: AGAPI

Dolores Ben Foto: AGAPI

A Asociación Galega de Produtoras Independentes - AGAPI acordou crear o Premio de Honra Dolores Ben para manter viva a memoria de quen foi presidenta desta asociación do sector audiovisual e recoñecer ás persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba. Dolores Ben, falecida en 2020 aos 64 anos, era un referente do audiovisual galego en xeral e da presenza feminina na profesión a un alto nivel. Muller rexa, loitadora e imprescindíbel no panorama cultural galego e estatal, contribuíu coa sua dedicación e esforzo a construír un horizonte sólido de futuro audiovisual. Asemade fundou varias empresas de referencia no eido do son, un campo no que foi pioneira como emprendedora e muller. Cinemar Films continúa o seu legado sendo o único estudo cinematográfico homologado por Dolby e DTS en Galicia. Con este premio honorífico que leva o seu nome, AGAPI quere distinguir a labor das persoas, empresas ou institucións que recollan os valores que ela tanto defendía e dos que facía gala cos seus actos: a forza da unión para acadar obxectivos, a perseveranza, a entrega altruísta a prol do ben común e o traballo en rede para tecer alianzas co fin de acadar un mellor porvir. Nas vindeiras semanas a Asociación dará a coñecer o nome do/a premiado/a nesta I Edición.

Que che parece esta nova?
82 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Dolores Ben, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI)