O festival 'SINERXIAS 430' estréase esta fin de semana

O 'Iº Festival Internacional de Música de Cámara' trae a Vigo a destacados intérpretes internacionais

O 'Iº Festival Internacional de Música de Cámara' trae a Vigo a destacados intérpretes internacionais
Mira Foron Foto: Sinerxias 430
A Orquestra Vigo 430 presenta esta fin de semana, 'SINERXIAS 430. I Festival Internacional de Música de Cámara ', un festival novo para a escena musical galega. Definido como "unha viaxe emocional" esta nova cita na axenda galega ofrecerá seis concertos temáticos de música de cámara destinados a todos os públicos que contarán coa participación de prestixiosos artistas internacionais xunto con músicos do Ensemble da formación viguesa. Serán seis "auténticas leccións vivas da historia, xeografía e sensibilidades da música", apunta o director artístico, Javier Escobar. O festival dará comezo este sábado día 20 de setembro cun directo de balde na Concatedral de Sta. María (Colexiata) de Vigo as 21:00 horas. Continuará o domingo 21 de setembro no Auditorio Martín Códax. Contará coa participación de intérpretes internacionais como o violonchelista Yibai Chen, Carla Guillén á viola, Mira Foron ao violín, Jorge Suárez no violonchelo, Anthony Sintow-Behrens ao piano.

O programa do sábado componse de catro obras mestras que van entretecendo un fío narrativo que levará ao público dende o Barroco ata o Romanticismo, pasando polo virtuosismo decimonónico e a procura dunha voz propia no século XX. Pezas de Cassadó, Piatti, Bach e Brahms, conforman esta xornada. Mentres, o domingo, ás 12:00 horas no Conservatorio Superior de Música de Vigo, ofrecerá unha travesía de contrastes emocionais desde o Romanticismo tardío de Antonín Dvořák e o Clasicismo de transición de Ludwig van Beethoven, pasando polo Neoclasicismo intenso de Francis Poulenc, ata a ousadía cinematográfica de Franz Waxman. Ademais dos directos de música, SINERXIAS 430 contará cunha serie de actividades paralelas. Realizarase o I Concurso de Música de Cámara para novos intérpretes, dirixido ao alumnado dos Conservatorios Superiores de Galicia. Ademais, o festival ten previsto a celebración de clases maxistrais para os alumnos dos conservatorios superiores así como unha mesa redonda sobre as mulleres compositoras titulada "Mulleres compositoras: un relato esquecido ou unha historia por contar?". O programa é a información sobre entradas está dispoñible no web da Orquestra Vigo 430.