Máis de vinte concertos no 34 Festival de jazz de Lugo

O evento comezará o vindeiro venres cun programa de primeiro nivel de artistas internacionais e galegos

A 34ª edición do Festival de Jazz de Lugo, dará comezo este venres e ofrecerá 24 concertos ata o vindeiro 17 de novembro. O Festival está organizado desde 1991 pola Asociación de Amigos do Jazz "Escobijazz", un grupo de lucenses unidos polo seu amor por esta música. A edición deste ano contará con 24 citas, acollendo tanto estrelas e grandes figuras internacionais como novos valores do mundo do Jazz e, por suposto, representantes do mellor jazz estatal e galego. De feito este ano case a metade dos proxectos son galegos como as actuacións no Club Clavicémbalo do cuarteto vocal Ejazz; o Drumless Trío, formado por Abe Rábade, Marcos Pin e Alfonso Morán; Martín Otero a dúo coa coreana Ju Young, Inés Carreño, e o proxecto Daydream Sessions, unha proposta artística colaborativa que convida á participación espontánea para tomar parte nun espectáculo aberto a multitude de sons como o neosoul, o hip hop, a música latina, ou rock alternativo, interpretados en clave de jazz. A participación galega complétase co lucense Kiki Cortiñas, a Savoy Club Big Band, Charo Quicler Octeto co espectáculo The Magic Line, Pablo Sax Cuarteto presentando o seu disco Selene, e o Terra Nova Brass Ensemble.

A lenda do jazz Bill Evans, a saxofonista nomeada a tres Grammys Lakecia Benjamin, a multipremiada directora e compositora María Schneider, o tamén saxofonista Vincent Herring, o virtuoso trompetista Jeremy Pelt ou o icónico cantante Kenny Washington, son algún dos representantes do jazz internacional máis destacados, sen menoscabo de grandes propostas do jazz nacional como a de Tana Santana Quinteto. Os concertos celebraranse no Círculo das Artes (Escenario Estrella Galicia), na Casa do Saber da USC e no Club Clavicémbalo. O XXXIV Festival de Jazz de Lugo está subvencionado pola Concellaría de Cultura do Concello de Lugo, a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación e o INAEM do Ministerio de Cultura; co patrocinio da Xunta de Galicia e Cervexas Estrella Galicia e coa colaboración de Caixa Rural Galega, AIE Enruta-Jazz, Lugauto concesionario BMW, a Universidade de Santiago de Compostela, o Círculo de las Artes de Lugo, o Club Clavicémbalo e o diario El Progreso. O program completo pode consultarse no sitio web do festival.