O Teatro Principal de Ourense acollerá o vindeiro xoves, 4 de setembro, a estrea de 'A metamorfose', versión escénica da célebre novela de Franz Kafka, que Sarabela Teatro representará neste escenario do 4 ao 6 de setembro, ás 21,00 h. A nova proposta de Sarabela conta con dirección e dramaturxia de Carlos Álvarez Ossorio e as interpretacións de Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fernando González, Sabela Gago e Fina Calleja. Para a súa posta en escena, a compañía conta, ademais, con Baltasar Patiño a cargo da iluminación, Nuria Sotelo do movemento escénico, Ruth Díaz Pereira do vestiario e Renata Codda Fons do campo sonoro. A compañía explica que aborda esta adaptación dunha das obras máis icónicas da literatura do século XX desde unha perspectiva contemporánea, conectando as obsesións de Kafka sobre a deshumanización coas angustias do ser humano actual. A segunda función xa programada terá lugar en Narón o 25 de outubro.
Na literatura o texto coloca o lector diante do famoso Gregor Samsa, transformado en insecto monstruoso. A partir de aí, a historia é narrada cun realismo inesperado que asocia o inverosímil e o sentido do humor o que é tráxico, grotesco e cruel na condición humana. Na versión escénica de Carlos Álvarez Ossorio incídese na dimensión cómica, grotesca do texto, que ocasionalmente desemboca no hilarante "slapstick".Que pasa cando lle quitamos a categoría de humano a un ser humano? Se non son seres humanos, entón, que son? bechos? insectos? A metamorfose mostra a necesidade do ser humano de ser recoñecido, valorado e amado polo que é, non polo que produce ou aporta.