O Museo Massó abre as súas novas salas

A Xunta investiu 1,4 millóns de euros na ampliación do centro de Bueu, que duplica o seu espazo expositivo

A Xunta investiu 1,4 millóns de euros na ampliación do centro de Bueu, que duplica o seu espazo expositivo
Inauguración da sala Lugrís. Fonte: Museo Massó
Coa visita do conselleiro de Cultura, Xesús López, o Museo Massó de Bueu inauguraba este 29 de xullo a ampliación do seu espazo expositivo. O investimento de 1,4 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia permitiu rehabilitar dous andares do edificio da antiga fábrica de salgadura Piñeiro, ademais do último tramo de dúas naves da conserveira Massó, para as incorporar ao centro.

Segundo indica a consellaría, en total son 700 metros cadrados que se suman ás instalacións, o que supón duplicar a superficie actual. Entre os novos espazos, o andar superior da fábrica de salgadura acolle a Sala Lugrís, que pasa a facer parte da exposición permanente do centro e exhibir fondos deste pintor que ata o momento non estaban ao alcance do público. Entre estes destacan seis pinturas de grande formato creadas para o comedor das traballadoras da conserveira.

Para alén de melloras estruturais e de climatización, os traballos de restauración repuxeron materiais orixinais do conxunto, con pezas de pedra e madeira e a recuperación da zona balconada da fachada. Boa parte dos novos espazos acollen unha mostra sobre a evolución da industria conserveira en Galicia na que se poden observar pezas históricas deste sector.