Apróbase o plano de construcción da Casa das Palabras de Vigo

Palabras baixo teito

A Casa das Palabras, un museo interactivo sobre os diferentes aspectos da comunicación humana, comezará a facerse realidade en Vigo a partir do vindeiro mes. A aprobación onte do proxecto constructivo de execución, último paso legal para iniciar o proxecto, permitirá que as obras do edificio deseñado por César Portela comecen en poucos días. O museo, que albergará máis de oitenta e un módulos interactivos, pretende acadar unhas cifras de trescentos mil visitantes cada ano.

Un museo para a comunicación

A Casa das Palabras pretende ser un museo dedicado á comunicación humana en todos os seus aspectos, desde a comunicación oral e xestual ás novas tecnoloxías de transmisión de datos.
O proxecto estructúrase arredor de oitenta e unha seccións monotemáticas que permitirán que cada visita completa dure arredor de dúas horas. Entre estas seccións atopamos algunhas dedicadas ó ADN coma sistema de transmisión de información ou ós sinais codificadas e a escrita cifrada, que se explican partindo da figura de James Bond.
Onda estes, outros módulos con títulos coma "¿Como son as palabras mentres van polo aire?" ou "Hola, son María, encantada de coñecerte". Dentro do museo atópanse tamén seccións monotemáticas dedicadas á letras do alfabeto, explicando a orixe, historia, características e mesmo anécdotas de cada unha delas.
En cada unha destas seccións atópanse actividades interactivas e paneis explicativos sobre diferentes cuestións da comunicación. A proposta museística, elaborada pola empresa Ingeniería Cultural, inclúe elementos audivoisuais e electrónicos, trucos ópticos, obxectos illados, paneis, escaparates e incluso seres vivos.
O obxectivo final do museo e acadar unha comprensión sinxela da comunicación humana facendo que o visitante sexa o protagonista da mostra ó ter que participar directamente nela. Segundo os autores da proposta, preténdese "que sexa divertido, logo cada un aprenderá máis ou menos".
As previsións do Concello de Vigo é acadar máis de cento cincuenta mil visitantes durante o primeiro ano de actividade e manter unha media de arredor de trescentos mil anuais a partir de entón.













Un edificio para as palabras


O edificio da Casa das Palabras foi deseñado polo arquitecto César Portela e ocupará unha superficie total de 1.764 metros cadrados integrada nunha zona verde de 13.550 metros cadrados.
Segundo o arquitecto, tratase dun edificio que "pretende ser novidoso e vangardista e no que os máximos protagonistas son o espacio e a luz". A estructura consiste nun "conxunto de caixas chinesas" transparentes que se sosteñen unhas nas outras e sobre as que se sitúa un andar cos muros cubertos de pizarra.
O edificio distribuirase nun baixo no que estarán o acceso prinicipal, o prevestíbulo, o vestíbulo, a cafetería, un aula, unha sala de exposicións temporais, as oficinas e un salón de actos con capacidade para cento cincuenta persoas.
O segundo andar estará ocupado exclusivamente cos módulos da exposición permanente, e sobre ela estará unha terraza cuberta con area de praia para dar continuidade visual coa praia de Samil e un mirador acristalado.
O custo do edificio roldará os mil cincocentos corenta millóns de pesetas e está previsto que se remate para o ano 2003.














Desde Francia un premio máis

E por ultimo, e máis lonxe está o galardón que recibiu o debuxante e guionista Miguelanxo Prado no Festival de Banda Deseñada de Blois (Francia). Un premio, o Grand Boum (Gran Premio) que pretende homenaxear toda a producción artística da súa carreira. Con este galardón os organizadores do festival decidiron premiar a súas creacións que, segundo eles, "se caracterizan por un certo pesimismo e unha visión mordaz e irónica das relacións humanas, dominadas pola incomunicación".