Arianna Squilloni e Raquel Catalina obteñen o XVIII Premio Compostela de Álbum Ilustrado

O galardón conta cunha dotación de 9.000 euros en metálico

Páxinas do traballo gañador do Premio Compostela. Fonte: Kalandraka
Páxinas do traballo gañador do Premio Compostela. Fonte: Kalandraka
O XVIII Premio Compostela de Álbum Ilustrado, que convocan a Editorial Kalandraka e o Concello de Santiago, ten xa gañadoras. A escritora italiana Arianna Squilloni e a ilustradora madrileña Raquel Catalina impúñanse este 27 de xuño no galardón coa súa obra Grande y pequeña. As dúas autoras recibirán un premio en metálico de 9.000 euros e verán a súa obra publicada en castelán, galego, catalán, euskera e portugués o vindeiro mes de novembro.

O fallo do galardón salienta que a obra gañadora "é un álbum cun sutil fondo poético e de múltiples lecturas: o paso do tempo, a memoria, a natureza, a arte...". A importancia dos silencios na narración facilitan a reflexión da persoa lectora sobre a viaxe vital da protagonista, unha anciá que regresa da cidade ao campo. A nivel plástico "resalta polo uso contido da paleta cromática, en contraste co tratamento do branco e negro. A diversidade de enfoques, perspectivas e a secuencia de imaxes redondean o tratamento técnico desta obra", apunta a resolución.

O traballo gañador foi seleccionado entre 288 proxectos a concurso, chegados de dezaseis países. Canda a este, o xurado outorgoulle tamén unha mención especial a A espera, da chilena María Paz García Finch.

O comité de selección estivo formado pola ilustradora Mariana Río; a xestora cultural e editora Raquel López Royo; o deseñador gráfico, artista plástico e ilustrador Pep Carrió; o pintor, deseñador gráfico e ilustrador Xosé Cobas; e a directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez. A alcaldesa do Concello de Santiago e, por delegación, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, actuaron como presidentas do xurado; e a técnica do Departamento de Educación, Beatriz Varela, como secretaria.