
O fallo do xurado destaca de La visita o ser un "álbum ilustrado perfectamente construído que nos achega a un concepto tan abstracto como é o silencio". Ademais sinala que o texto de Núria Figueras ten unha "gran calidade literaria" e "preséntanos a visita do silencio -personificado- á casa onde vive un pequeno raposo. A narración, áxil e tenra, logra que o lector ou lectora se reencontre coa súa propia esencia".
Pola súa banda, o rexistro gráfico de Anna Font "é dun cromatismo desbordante e cheo de matices" no que "o silencio móstrase cunha síntese efectiva, plena de expresividade" e no que "a ilustradora domina á perfección á arte secuencial do álbum e a construción do discurso narrativo".
A obra foi seleccionada entre 261 proxectos que chegaron de 22 países diferentes. O comité de selección escolleu tamén como finalista a obra Tarde de sapo de Maite Mutuberria Larrayoz e outorgoulle unha mención a Vent, de Gerard Sancho Novell.
O xurado estivo formado por Asun Agiriano Altuna, Catarina Sobral, Ignasi Blanch, Xosé Cobas e a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez. A alcaldesa do Concello de Santiago e, por delegación, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, actuaron como presidentas do xurado; e a técnica do Departamento de Educación, Cristina Salgado, como secretaria.