Unha despedida de ouro

Os premios Pedrón de Ouro cesan facendo balance de sesenta anos de galeguismo

O pasado xoves a Fundación Rosalía de Castro acollía a presentación do libro Un fío de amor e lealdade a Galicia, escrito polo último presidente da Fundación Pedrón de Ouro, o activista cultural Xosé Ramón Fandiño e editado co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O libro, cunha coidada edición, recolle diversos materiais que ilustran os sesenta anos de celebración do emblemático galardón Pedrón de Ouro, desde a historia da súa creación, o perfil dos premiados ou os discursos dos mantedores dos actos de entrega do premio. Tamén a crónica e as explicacións de como o 26 de xuño de 2024 se decidiu "dar por concluído o ciclo" deste premio, un dos máis prestixiosos e con maior tradición do país. O peche desta iniciativa de seis décadas pon no debate a reflexión sobre a renovación dos proxectos vivos máis antigos e a remuda xeneracional na parte máis institucional e conmemorativa da cultura galega.

En 1964 o poeta Avelino Avuín de Tembra e o escritor Maximino Rodríguez Buxán acordaron en Padrón a idea de "erguer a bandeira da defensa da identidade e da liberdade de Galicia" convocando uns premios que "exaltaran cada ano a un dos nosos escritores, artistas ou científicos que na década dos 60 traballaban no máis escuro anonimato". Dese primeiro acto de 1964 Xesús Santos recorda unha anécdota poderosa. "Entre os poucos asistentes situáronse dous representantes da Brigada Político Social" franquista, sinala Xosé Ramón Fandiño, "que prohibiron que os concorrentes cantasen o Himno Galego ao que Modesto Rodríguez Figueiredo reaccionou pedíndolle aos asistentes que xa que non podían cantar o Himno gardasen silencio e en silencio o interpretasen emocionalmente. E conta Santos que nunca cantou o himno con tanta emoción e sentimento como ese día". Ao día seguinte, Abuín de Tembra e Octavio Sanmartín foron chamados ao despacho do gobernador civil.

Sucesivas xeracións de galeguistas
O Padroado constituiuse ao ano seguinte, en 1965, e aos premios "co nome do Pedrón de Ouro", en referencia ao pedrón, a ara romana dedicada a Neptuno que a tradición asigna como a pedra á que se amarrou a barca do Apóstolo Santiago cando os discípulos trouxeron o corpo a Galicia. O Padroado foi incorporando sucesivas xeracións de galeguistas, e mesmo premios adicionais, coma o Pedrón de Honra, e fortalecendo a súa estrutura institucional ao converterse en Fundación no ano 1987. Destacaba de xeito especial a súa vinculación coa Casa Museo Rosalía de Castro e co Padroado Rosalía de Castro. Ás poucas edicións de comezar xa ficou instituído a celebración do acto do premio no xardín da casa de Rosalía, e algúns membros do padroado do Pedrón de Ouro son tamén membros do Padroado Rosalía de Castro. "Un fío de amor, lealdade e coñecemento une as institucións do Pedrón de Ouro e o Padroado Rosalía de Castro", dixo Xosé Luís Méndez Ferrín.

A concesión do premio ao longo destes anos é unha panorámica da evolución da cultura galega desde o franquismo Desde os iniciais Faustino Rey Romero, Isidro Parga pondal, o Ballet Rey de Viana ou Carballo Calero, ata Luciano García alén, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira ou a Nova Escola Galega. Desde Carlos García Martínez, Fernando Pires de Lima ou Cesare Giulio Borgna ata Fermín Bouza Brey, Rodolfo Prada ou Carlos Velo. Os recoñecementos alternan investigadores internacionais como Giuseppe Tavani ou John Rutherford, a históricos republicanos como Ossorio Tafall e o recoñecemento da diáspora, co Patronato da Cultura Galega de Montevideo ou o Centro Galego de Barcelona.

A capacidade de seducir
Coa presentación do libro Un fío de amor e lealdade a Galicia, o Padroado do Pedrón de Ouro dá por rematada a súa labor "sentíndonos satisfeitos e orgullosos do labor realizado". O Padroado tivo moitas xuntanzas para "reflexionar sobre a conveniencia de porfiar en seguir mantendo viva a idea do Pedrón ou tomar a decisión de dar por rematada esta andaina", sinala Xosé Ramón Fandiño no libro. Debido á "avanzada idade do reducido número de tenaces membros numerarios" e á "perda de capacidade de sedución" o 26 de xuño de 2024 o Padroado decidiu "dar por concluído o ciclo do Pedrón de Ouro".

Xosé Ramón Fandiño achégase con dous exemplares deste libro que garda a memoria de sesenta anos de compromiso con Galicia baixo o brazo. Crúzase co xornalista. "Todo isto", di Fandiño pousando a man no libro, "foi feito con amor".