Economía, turismo e deporte protagonizan a quinta mesa do Foro Un país coa súa lingua

O Consello da Cultura Galega acolle este encontro participativo o 25 de xuño

A situación do galego no comercio, nas empresas, no turismo cultural, na comunicación corporativa e na economía dixital, ademais de no deporte e no lecer, son os eixes da quinta mesa do foro participativo Un país coa súa lingua. A sede do Consello da Cultura Galega acolle este 25 de xuño, a partir das 16:30 horas, a nova sesión do encontro que coordina Dolores Vilavedra.

O profesor Jackson R. Soares coordina esta xornada na que desenvolverán relatorios Fátima Rodríguez Figueiras, destacada polo seu labor como consultora en Promove, especializada en estratexias de desenvolvemento territorial e innovación social; Mercé Barrientos, que combina a excelencia deportiva no taekwondo cunha sólida traxectoria como docente; e Xosé Lois Lamazares, quen lidera a empresa Daveiga, coñecida polas Galletas Mariñeiras.

Con posterioridade a estas intervencións desenvolverase o habitual diálogo estruturado aberto que contará coa presenza de Pepe Formoso, fundador do Hotel Bela Muxía; Rosana Prieto Florines, guía de turismo en Galsentur; e Adrián Dios, presidente do Club de baloncesto ADB Fontiñas. Tamén participarán neste encontro a xornalista deportiva Silvia Carregal; Emi Candal, responsable da cooperativa Urdime; Óscar Senra, integrante de MAOS Innovación Social; e Pedro Boquete, director executivo da marca Deleite. A xornada poderá seguirse de xeito presencial e en liña.