Catro eventos reparten os patrocinios FEST Galicia

A Xunta apoia con 270.000 euros o Rompetiño, o Sinsal, o 17º Ribeira Sacra e o SonRías Baixas

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) daba a coñecer este 23 de xuño o reparto dos fondos do patrocinio FEST Galicia para eventos musicais do noso país. A liña, dotada como no pasado ano con 270.000 euros, distribúese nesta ocasión entre catro citas, unha menos que en 2024.

O 17º Festival Ribeira Sacra, que se celebra do 18 ao 20 de xullo, o Sinsal SON Estrella Galicia, que ocupará do 25 ao 27 de xullo a illa de San Simón (Redondela), e o SonRías Baixas que se desenvolve en Bueu do 31 de xullo ao 3 de agosto, contarán con cadanseus 80.000 euros ao abeiro desta convocatoria.

Pola súa banda, o Rompetiño Jump disporá de 30.000 euros para a edición que se celebra entre os días 4 e 6 de xullo no Porto do Son. Todos os eventos recuncan nesta convocatoria da que cae o Underfest, que conseguira apoio da Agadic en 2024.