A Fundación Laxeiro amosa as litografías do Club de la estampa de Buenos Aires

A mostra recolle obras de 25 artistas, a incluír Laxeiro e Seoane, publicadas orixinalmente en 1968

Desde este 18 de xuño e ata o vindeiro 21 de setembro, a Fundación Laxeiro acolle a exposición Litografías. Club de la estampa de Buenos Aires. 1968. A mostra, comisariada por Javier Pérez Buján, bota a vista atrás para explorar os traballos deste grupo de artistas arxentinos, no que participaban Laxeiro e Luís Seoane.

O proxecto recolle as obras publicadas naquel momento nun cartafol da autoría dos dous galegos canda a 23 artistas arxentinos. Segundo explica o comisario da iniciativa, esta "contextualiza o ambiente artístico no que Laxeiro se movía naquela época, caracterizado principalmente polo neoexpresionismo nas súas diferentes facetas: unha figuración de forte carácter social (Carlos Alonso, J.C. Castagnino, H.A. Capurro), unha figuración existencial (N. Onofrio, Roberto González) ou filosófica (A. Bellocq, L. O. Balduzzi) e tamén diversas propostas abstractas (Albino. Fernández, Carlos Cañás, J.M. Moraña, Zelaya)".

Neste momento da súa carreira, "Laxeiro presenta unha escena figurativa formalmente moi xestual e barroquizante, chea de personaxes presentados en escalas e proporcións diferentes, con cores negras e brancas moi contrastadas, na liña do que estaba facendo a finais da década dos anos sesenta".