Serán incorpora un festival musical na súa cuarta edición

A Cidade da Cultura acolle o IV Encontro Galego de Cultura Popular entre o 20 e o 24 de xuño

A Cidade da Cultura acolle o IV Encontro Galego de Cultura Popular entre o 20 e o 24 de xuño
Un festival con Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Ninghures, Tres Pesos e Xosé Lois Romero & Aliboria abre este venres 20 de xuño Serán'04. A cuarta xeira do Encontro Galego de Cultura Popular. Baile e música tradicional incorpora estes concertos ao seu programa nun ano no que se suma ás homenaxes ás cantareiras que protagonizaron o Día das Letras Galegas.

Con dirección artística de Quique Peón, o programa finaliza este domingo cunha exhibición de baile tradicional a cargo de Tequexetéldere (A Estrada), Aturuxo (A Coruña), Lembranzas da Ría (Cangas), Arume de Caión (Laracha), Traspés (Vigo), Buxainas (Cedeira), Son D’Aquí (A Coruña) e Saíñas (Xove). Foliadiñas infantís, un Certame Coros Enxebres ou, na noite do sábado, un foliadón coa particicipación de 16 grupos de diferentes comarcas do país fan tamén parte do programa de espectáculos.

A nivel formativo, desenvolveranse ao longo da fin de semana 15 masterclasses da man de profesionais como Olga Kirk, Luis Prego, Serxio Cobos, María Vida, Xosé Lois Romero, Montse Rivera ou Felisa Segade. Os contidos van desde "O repertorio do gaiteiro Poso" á iniciación á foliada, "o pandeiro redondo da comarca do Deza" ou á técnica vocal para o canto tradicional. Canda a estes, tamén se suma ao programa unha clase de iniciación á pandeireta para persoas con discapacidade, obradoiros de estampaxe ou serigrafía sobre tela ou unha formación en bordado co modisto especialista en traxe tradicional Álex Regueiro.

Ademais, as persoas participantes poderán visitar 40 stands de artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, luthiers, asociacións e federacións do ámbito tradicional e a exposición O sarillo. Esta mostra, coordinada por Yeray Paz Souto, amosa "unha selecta mostra que inclúe tanto pezas antigas como reproducións fidedignas de traxes tradicionais de diferentes comarcas de Galicia".