A pandeireta como eixo do Serán '03

O Encontro Galego de Cultura Popular centrarase no instrumento e nas súas intérpretes na súa terceira edición

O Encontro Galego de Cultura Popular centrarase no instrumento e nas súas intérpretes na súa terceira edición
A pandeireta será a protagonista absoluta do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán'03. A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño a terceira edición deste evento no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional. Ao redor da pandeireta levantarase un programa de tres xornadas intensas de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, e no que tampouco faltarán obradoiros e espectáculos para público familiar.

O director artístico do encontro, o coreógrafo e investigador, Henrique Peón, explicou na presentación do programa a temática central deste Serán’03 para a pandeireta, "que é xunto coa gaita o instrumento máis icónico do noso folclore tradicional" e sinalou que esta terceira edición do evento busca renderlle homenaxe a todas as mulleres pandeireteiras "gardiás da historia e tradición da nosa música, que interpretaron este instrumento ao longo dos séculos e nos legaron ata un xeito de tocar único en toda a Península Ibérica". Peón quixo lembrar tamén o papel clave que xogaron as agrupacións folclóricas desde a aparición das pandeireteiras de Mens dos anos 70 para "a reconstrución musical e estética deste instrumento, ata chegar ao momento actual no que xa é imposible entender a música galega sen a figura das pandeireteiras".

Un milleiro de artistas
O programa do Serán’03 foi presentado no Museo Centro Gaiás polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado por Henrique Peón; a cantante do grupo IALMA e cofundadora e integrante da directiva do Centro de Música do Mundo Muziekpublique en Bruxelas, Marisol Palomo, e as pandeireteiras Ángela Varela e Begoña David, da agrupación Cantigas e Agarimos. O Serán’03 prevé a participación dun milleiro de artistas e intérpretes, tanto afeccionados como profesionais, que inclúen destacados nomes da nosa música como Faltriqueira, Davide Salvado, Fransy González ou Óscar Ibáñez, e algúns dos principais grupos folclóricos de Galicia como Donaire, Rebulir, Trébede, Ultreia, Etnográfico das Mariñas, Xacarandaina, Cantigas e Agarimos ou Alxibeira. Aos xa tradicionais festival folclórico e foliadón que encherán o Gaiás de música e baile nas noites do venres 10 e o sábado 11 de xuño, súmase como novidade desta edición o Festival Portas do Camiño, que reunirá cinco grupos de pandeireteiras de diferentes lugares da Península, co nexo común das Rutas Xacobeas: Xeitu, de Asturias; Seronda, de León; Denise e Bea, do Bierzo; Adufeiras de Monsanto, de Portugal, e Pandereras de Salamanca, con repertorio de Peñaparda.

Contidos formativos
Outro dos pratos fortes deste encontro serán os contidos formativos dirixidos a profesionais da música e o baile tradicional, con oito masterclasses de percusión, pandeireta e técnica vocal impartidas polo profesorado máis destacado do momento, e un espazo de reflexión, cunha mesa redonda e dúas conferencias a cargo da etnomusicóloga Beatriz Busto e o presidente da delegación española do Consello Internacional de Organización de Festivais do Folclore e as Artes Tradicionais, Rafael Cantero. Non faltará tampouco a programación para gozar en familia, cun obradoiro de estampaxe sobre tea e un concerto de Cé Orquestra Pantasma. Por último, un desfile de traxe tradicional a cargo da Asociación Etnográfica Sete Espadelas e un concerto dos coros centenarios de Cantigas de Agarimos e Cántigas da Terra serán os pratos fortes da última xornada desta terceira edición do Serán. Todo o encontro é con entrada libre e de balde, coa excepción dos contidos con prazas limitadas, como as masterclasses e obradoiros, para os que pode realizarse xa a reserva previa de praza na web da Cidade da Cultura de Galicia.