'Facémolo co corpo' ofrece unha viaxe pola arte da acción

A exposición sobre arte performativa en feminino pode verse no Auditorio de Galicia

A exposición sobre arte performativa en feminino pode verse no Auditorio de Galicia
Uns versos de Chus Pato inspiran o nome da exposición 'Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres', representada graficamente por unha imaxe de Marina Abramović, referencia inexcusable. A mostra, que desde onte pode verse no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela está comisariada por Iñaki Martínez Antelo e Mónica Maneiro e recolle o traballo dun importante número de artistas, capaces de sustentar por si mesmas un relato en relación á historia da performance dende finais dos anos sesenta, cando este tipo de linguaxe se desenvolve con forza. A performance aparece tamén como consecuencia da loita das mulleres artistas por entrar nas institucións, sendo o seu carácter efémero o que facilitaría a súa presenza nos espazos da arte. A selección presentada permite falar da performance en Galicia, protagonizada en gran parte por mulleres que tiveron presenza nas programacións de institucións e festivais, e tamén en exposicións e eventos independentes durante as últimas décadas. Algunhas delas son galegas, outras, contribuíron co seu traballo á formación dos públicos e das artistas que teñen nas artes performativas o seu maior campo de expresión dentro do noso territorio.

En 'Facémolo co corpo' poden verse representadas as seguintes artistas: Marina Abramović (Belgrado, 1946), Pilar Albarracín (Aracena, 1968), Rosana Antolí (Alcoi, 1981), Teresa Búa (Muxía, 1991), Esther Ferrer (Donosti, 1937), Dora García (Valladolid 1965), Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978), Amaya González Reyes (Sanxenxo, 1979), Maider López (Donosti, 1975), Anna Maria Maiolino (Scalea, 1942), Teresa Margolles (Culiacán, 1963), María Marticorena (A Coruña, 1977), Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) Ana Mendieta (La Habana, 1948 - Nueva York, 1985), Olga Mesa (Avilés, 1962), Itziar Okariz (Donosti, 1965), Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), La Ribot (Madrid, 1962), Verónica Ruth Frías (Córdoba, 1978), Neves Seara (Ourense, 1983) e Verónica Vicente (Tomiño, 1988). As artistas apareen representadas a través de diversos xeitos de expresión nos seus traballos. A exposición estará na Sala Isaac Díaz Pardo ata o vindeiro 28 de setembro.