O VIII Clasclás incorpora un programa sinfónico

O Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía celébrase entre o 21 e o 28 de xuño

Cunha xeira centrada en reivindicar composicións españolas, Vilagarcía acolle entre os vindeiros 21 e 28 de xuño a oitava edición do Clasclás. O Festival Internacional de Música Clásica celébrase baixo o lema Allegro Giocoso en homenaxe á Suite Iberia de Isaac Albéniz. A programación paralela "A pé de rúa" abre o programa os días 14 e 15 deste mes con concertos nas rúas e prazas a cargo do alumnado do Conservatorio e Escola Municipal de Música.

A gala lírica de clausura desta xeira achega a principal novidade do programa, ao inaugurar o Programa Sinfónico do evento. Aberturas e Arias de Giuseppe Verdi e Giacomo Puccini a cargo da soprano Miren Urbieta-Vega e a Orquestra GAOS baixo a dirección de Fernando Briones compoñen este apartado.

Canda a isto, destacan entre as propostas deste ano a estrea de Ventana a mi vida interior Op. 41, do arousán Eligio Vila, e a interpretación de dúas sonatas que Eduardo López Banzo recuperou da Biblioteca da Catedral de Jaca, enmarcadas no seu concerto Mvsica Romana: Corelli e España.

Os Premios Nacionais de Música, Spanish Brass e Al Ayre Español, un concerto da Iberia, de Issac Albéniz, da man Luis Fernando Pérez, ou o programa Fantasía, coa violista Isabel Villanueva e o pianista francés François Dumont, fan tamén parte das propostas programadas. O Trío Hélix, o Cuarteto Bennewitz, e na sección matinée, a guitarra barroca de Pablo Zapico o Flexible Dúo, e mais Fernando Raña e Alba Barreiro, completan os recitais.
Ligazóns