As Xornadas de Música Contemporánea celébranse co lema Invisibles e sonoras

O programa de nove concertos achega a Compostela catro estreas entre os días 1 ao 29 de xuño

O programa de nove concertos achega a Compostela catro estreas entre os días 1 ao 29 de xuño
Concello, Deputación da Coruña, Universidade de Santiago e Centro Galego de Arte Contemporánea organizan a nova edición das Xornadas de Música Contemporánea. A capital galega acolle entre os vindeiros 1 e 29 de xuño un programa composto case ao completo por mulleres, baixo o lema Invisibles e sonoras. En total serán nove concertos que comprenden tres estreas absolutas e unha a nivel estatal.



Entre as novidades absolutas, destaca o proxecto 120 Fotografías + 8 fabulacións. Unha ollada multidisciplinar á obra da fotógrafa Maruja Roca. Esta iniciativa conta con oito composicións narrativas de Pablo Sanmamed creadas especialmente para o espectáculo e que suma ao propio autor o pianista Iago Mourinho, a acordeonista Helena Sousa e a violinista María José Pampano xunto cos autores do libro que deu a coñecer esta fotógrafa de Becerreá, Nieves Neira Roca e mais Eutropio Rodríguez. Música, poesía e as propias imaxes de Roca atópanse na "homenaxe dunha artista que vén de saír do silencio". A proposta poderá verse o día 9 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

O novo proxecto de Vertixe Sonora, Un pecado cheo de pracer, preséntase por primeira vez ao público no mesmo escenario o venres 25 de xuño. Trátase dunha "reivindicación da creación feminina actual na súa impoñente diversidade que se completa coa presentación da derradeira obra de Carolina Cerezo" a reelaborar "unha historia musical da sororidade -máis transversal, máis elíptica e máis matizada-, a través do fío de complicidades que a sensibilidade das mulleres leva tecido ao longo dos tempos".

A outra estrea absoluta é a proposta Correspondencias do Trío Zukan. A formación vasca de percusión, acordeón e txistu interpreta unha selección de temas de seis compositoras nos que se combinan propostas máis experimentais con outras de factura achegada ao tradicional.

A presentación a nivel estatal correspóndese co recital Contradicións da Real Filharmonía de Galicia, amosa o traballo na composición de Unsuk Chin, Grażyna Bacewicz, Raquel García-Tomás e Joan Tower. Diego García Rodríguez dirixe a formación no concerto que se celebrará o día 17 e parcipará no coloquio previo canda a Raquel García-Tomás.

A arpista Cristina Montes Mateo (1 de xuño), a Banda Municipal de Música (día 10), Paco Varoch e Adrián García a interpretar Dolce Tormento (día 11), Catro continentes de Elisa Vázquez Doval (16) e a proposta Cello & Electronics de Margarida Mariño e Laura Iturralde (o 29) completan o programa de actuacións.

A estas propostas súmase aínda o coloquio que desenvolverá o luns 21, a musicóloga Rosa María Fernández. Co título Elas fan ópera, achegará un percorrido polas diferentes achegas de dramaturgas, compositoras, directoras de escena e cantantes a esta arte.