D-due faise co I Premio Luís Seoane de deseño

A firma de moda de Charo Froján e Alfredo Olmedo leva os 6.500 euros do galardón

A I edición do Premio Luís Seoane de Deseño, que convoca a Deputación da Coruña, ten xa gañador. A entidade provincial daba a coñecer na mañá deste 12 de xuño o fallo do xurado do galardón, que seleccionou a firma de moda D-Due, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo como vencedora desta primeira xeira. Os gañadores recibirán 6.500 euros en metálico.

O fallo destaca do proxecto a súa capacidade para "potenciar o deseño dunha maneira radical, en vínculo co territorio, os procesos artesanais e o contexto local, e a súa aposta por traballar no global desde o próximo, cunha proxección internacional desde o rural, en coincidencia coa maneira de entender o deseño que tiña Luís Seoane". A elección realizouse por maioría de votos do xurado entre os dez proxectos que competían polo galardón.

O comité de selección estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e contou coa vicedecana da Facultade de Deseño da UVIGO, Cristina Varela; a deseñadora gráfica e presidenta da DAG, Raquel Boo; o deseñador dixital Óscar Otero; a profesora do Master de Deseño de moda da UVIGO, Dolores Dopico, e o profesor e crítico de arte Carlos Bernárdez. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción social, Cultura e Deportes da Deputación.