O galego Vítor Nieves dirixirá a o Festival Internacional Encontros da Imagem

O encontro fotográfico de Braga está considerado como un dos máis importantes de Europa

Vítor Nieves. Fotografía de Patricia Pettitt
Vítor Nieves. Fotografía de Patricia Pettitt
As edicións 2025 e 2026 dos Encontros da Imagem de Braga terán dirección artística galega. Vítor Nieves ponse á fronte do que está considerado como o segundo festival de fotografía e artes visuais máis antigo do mundo e un dos máis recoñecidos de Europa. Nieves chega a este posto logo dunha ampla carreira no campo da imaxe, tendo sido director artístico do Outono Fotográfico entre 2012 e 2017 e cunha ampla carreira como comisario.

Nieves, que foi cofundador e coordina o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, mantén desde 2013 unha relación estreita co festival portugués, onde desenvolveu funcións de xurado, curador convidado, curador júnior ou membro da equipa de produción. A edición de 2025 dos Encontros celébrase do 19 de setembro ao 2 de novembro baixo o lema 'Manifestación de Interese', "un título que convida á reflexión sobre o traxecto, o legado e os posibles camiños futuros do festival", segundo indica a organización.

Entre os principais obxectivos do novo director "destaca a vontade de programar para públicos diversos -incluídos aqueles fóra da esfera da arte-, recuperar prácticas fotográficas que hai tempo desapareceron dos circuítos institucionais, fomentar a creación de novas experiencias expositivas en detrimento da mera reprogramación e estreitar os vínculos entre o festival e o seu contexto local, rexional e nacional".

Na visión de Vítor Nieves, os Encontros da Imagem "deben seguir sendo un espazo de produción de coñecemento e pensamento crítico, ao tempo que se comprometen coa xustiza histórica cara a creadoras, creadores e temáticas sistematicamente invisibilizadas". Actualmente Nieves é director pedagóxico do Instituto de Produção Cultural e Imagem (IPCI), no Porto, onde imparte Curadoría no Máster en Fotografía Artística, sendo tamén profesor convidado na Universidade do Porto.