'Sirat' chega hoxe ás salas de cine

O filme de Óliver Laxe poderase ver en máis de 140 pantallas de España

Máis de 140 salas de cine de todo o territorio español proxectarán hoxe 'Sirat. Trance en el desierto' o novo filme de Oliver Laxe. Xa designada como "a película máis agardada do ano", 'Sirat' chega aos cines tras o seu exitoso paso polo Festival Internacional de Cannes, onde acadou o Premio do Xurado, e polos antecedentes do seu laureado realizador. O filme, unha produción de Movistar+ coa produtora dos irmáns Almodovar, El Deseo, contará cunha importante distribución por todo o país. As principais salas de Galicia, nas catro provincias, acollerán hoxe a estrea desta longametraxe, nalgunhas delas, coma na NUMAX, programaranse pases que contarán coa presenza do director, Oliver Laxe, para establecer un coloquio cos espectadores.

Na trama de Sirat, un home (Sergi López) e o seu fillo (Bruno Núñez) chegan a unha rave perdida no medio das montañas do sur de Marrocos. Buscan a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas sen amencer. Reparten a súa foto unha e outra vez rodeados de música electrónica e un tipo de liberdade que descoñecen. Alí deciden seguir a un grupo de raveiros na busca dunha última festa que se vai celebrar no deserto, onde agardan atopar a moza desaparecida. Os acontecementos levarán a duros encontros coas realidades do contexto e tamén a procesos transformadores da percepción.