Carlos Ares confirma expectativas con 'La boca del lobo'

O segundo disco do coruñés xa está en plataformas xirará por festivais de toda a península

Acadar co seu primeiro disco gabanzas unánimes da crítica e un Premio MIN ao Mellor Álbum de Pop estatal por 'Peregrino' (BMG, 2024) situou ao artista coruñés Carlos Ares (A Coruña, 1997) nun foco de expectativas co que pode ser complicado seguir camiño. Pero o músico e produtor ven de sacar un segundo traballo co que demostra que o seu talento aínda ten moito por ofrecer e que non se deixa adormecer polos riscos que teña que correr. 'La boca del lobo' (BMG, 2025) xa está en plataformas e nun par de semanas Ares comezará a presentalo nunha longa lista de festivais por todo o Estado, a primeira cita en Galicia será no Portamérica. A potencia da gravación, producida por el mesmo, de trasladarse aos escenarios, augura unha recepción entusiasta tanto polos que xa eran seguidores como polos que se acheguen por vez primeira á súa música.



O músico e produtor presenta neste 'La boca del lobo' dez temas de pop -rock, dos que xa fixo un adianto dalgúns dos máis representativos pero que aínda garda sorpresas na súa escoita completa. Contundentes guitarreos, letras vitalistas pero intimistas, un uso de recursos do folk e dos seus instrumentos acústicos agardan por nós nestes temas; tamén hai electrónica, sempre ao servicio da melodía; ademais a súa voz melancólica conéctanos con outro dos grandes músicos galegos con proxección actuais, Sen Senra, sempre desde uns rexistros musicais diferentes. O coruñés dedica un tema ás súas raíces galegas e "sangre celta" no tema 'Autóctono', malia que cantado todo en castelán, como o resto do disco. Este 'La boca del lobo' non defrauda e deixa ganas de máis Carlos Ares e de gozar dos seus directos, e fai predicir que cando no 2026 volvan xulgarse as músicas deste 2025, veremos o seu nome mencionado en varios sitios.