Carlos Ares entre os finalistas dos Premios Ruído

O xornalismo musical coloca 'La boca del lobo' entre os mellores discos estatais do 2025

4/2/2026 | Santiago / S. Montes | Seccións: Música
106 lecturas | Compartido 1 veces

CARLOS ARES - Art Music Agency

O disco 'La boca del lobo' (BMG, 2025), do coruñés Carlos Ares, ven de colocarse entre os finalistas dos Premios Ruído que outorga anualmente a a asociación de xornalistas musicais PAM (Periodistas Asociados de Música). O álbum é un dos 12 seleccionados en base a unha enquisa entre xornalistas de todo o Estado na que máis de 70 especialistas votaron por ata 244 discos diferentes. 

Nesta XI Edición do Premio Ruido, éntrase agora nunha fase de votacións  entre os asociados que só poden votar a un desa lista e de onde sairá o álbum elixido como Mellor Disco do Ano 2025. O coruñés terá que competir agora con rivais como Amaia, Guitarricadelafuente, Rosalía, Rufus T. Firefly, rusowsky, shego ou Valeria Castro entre outros. O galardón darase a coñecer o 12 de marzo na Sala Berlanga (Madrid), coa colaboración de AGEDI, Fundación SGAE, AIE e Radio 3.

 

Carlos Ares (A Coruña, 1997) conseguiu recentemente o premio Artista do Ano na primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia Tamén co seu primeiro disco 'Peregrino' (BMG, 2024) o artista acadou un valioso recoñecemento como Mellor Álbum de Pop estatal do 2024 nos Premios MIN da industria independente española. 'La boca del lobo' está confirmando todas as boas expectativas e recentemente presentouse n concerto en Santiago de Compostela nunha ateigada Sala Capitol. O coruñés xa ten varias datas de directo previstas en xira ou festivais e será sen dúbida un dos protagonistas musicais do ano 2026. O músico e produtor presenta neste 'La boca del lobo' dez temas de pop -rock, dos que xa fixo un adianto dalgúns dos máis representativos pero que aínda garda sorpresas na súa escoita completa. Contundentes guitarreos, letras vitalistas pero intimistas, un uso de recursos do folk e dos seus instrumentos acústicos agardan por nós nestes temas; tamén hai electrónica, sempre ao servicio da melodía. 


Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Carlos Ares, Ares, Xornalismo, Pop...