A arte na busca dunha empatía global

A expandida Bienal de Pontevedra centra a súa espectacular programación nos conflitos bélicos e a busca da esperanza

A expandida Bienal de Pontevedra centra a súa espectacular programación nos conflitos bélicos e a busca da esperanza
Presentación da programación da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra.
A Bienal de Arte de Pontevedra volve tras quince anos de ausencia coa intención de ser "a máis global da historia". Entre o 21 de xuño e o 30 de setembro regresa coa súa edición número 32, que leva o empático lema "Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais", cos conflitos bélicos actuais como pano de fondo, e reunirá a 60 artistas de 28 nacionalidades. A programación, que xa se pode consultar na web da Bienal, presentouse onte nun acto que deu a coñecer as súas liñas mestras. A parte expositiva completarase cun ciclo de cinema, conferencias, obradoiros e un programa de artes vivas co que a Bienal chegará a outras catro localidades da provincia.

O sábado 21 de xuño terá lugar a inauguración oficial e as sedes da Bienal abrirán as súas portas simultaneamente. Un día antes, o francés Patrice Warrener presentará 'Peregrinacolor', unha "iluminación policromada contemplativa" da fachada da igrexa da Peregrina, acompañada da música da dj galega Akazie. A capital provincial distribuirá en doce puntos os contidos do encontro artístico. Os espazos centrais da mostra serán os edificios Castelao e Sarmiento do Museo de Pontevedra e o Pazo da Cultura, xunto a lugares emblemáticos da cidade como as Ruínas de San Domingos, a igrexa do convento de Santa Clara, a Illa das Esculturas, a ponte de Santiago, a Facultade de Belas Artes, o Café Moderno e as fachadas do pazo provincial e da Casa da Luz, ademais das sedes da Fundación RAC e a Fundación Manuel Moldes. A descentralización da programación da Bienal será un das novidades, espallándose máis aló das fronteiras da cidade con programación en concellos como Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove no ciclo de artes vivas.

Arte contra a barbarie bélica
Baixo o comisariado de Antón Castro, o discurso que fía a exposición das súas doce sedes pretende contrapoñer a escuridade da guerra e a luz da esperanza, empregando a arte para reflexionar sobre os conflitos bélicos do pasado e do presente e para ofrecer propostas que imaxinen futuros esperanzadores. A Bienal xunta figuras de renome internacional, artistas emerxentes en moitos casos chegados de países en guerra e algúns dos referentes da arte contemporánea galega e da española, que abordan temas coma a espiritualidade, o amor, a tolerancia, a verdade e a utopía, a través de linguaxes diversas como a pintura, a instalación, o vídeo, a fotografía, a escultura e a performance.
Resoan na relación de artistas algúns dos nomes máis destacados do panorama artístico internacional, como o islandés Olafur Eliasson, a artista sonora Susan Philipsz ou Hans Haacke, que pendurará do Pazo provincial a súa mensaxe de inclusión aos migrantes 'Somos (todos) o pobo'. A outra fachada, a da Casa da Luz, levará a palestina Emily Jacir a súa reflexión sobre o sufrimento das vítimas da ocupación. En concreto a Palestina dedícaselle un conxunto de obras situadas no Edificio Castelao, presentadas por Raida Adon, Miki Kratsman, Miki Leal, Isabel Rocamora e Rosalind Nashashibi. Outros conflitos actuais estarán presentes na Bienal, como a situación do pobo kurdo desde a mirada persoal de Zehra Dogan, o xihadismo no Sahel a través das fotografías do maliense Aboubacar Traoré ou o conflito en Ucrania tratado polo cubano Dagoberto Rodríguez, o galego Gabriel Tizón ou os ucranios Yarema Malashchuk e Roman Khimei, nunha peza de vídeo coproducida en colaboración coa 36ª Bienal de Artes Gráficas de Liubliana.

Os conflitos bélicos do presente afunden as súas raíces na secuencia que formaron na primeira metade do século XX a 1ª e a 2ª Guerra Mundial. A este período achégase a produción creada por Antoni Muntadas para a Bienal e á súa estela en conflitos posteriores o 'Proxecto Gulag' de Norberto Olmedo, os "Soldados soviéticos" de Simeón Saiz Ruiz e as imaxes da guerra de Bosnia de Gervasio Sánchez. A fotografía de guerra trátase na Bienal desde o contemporáneo, pero tamén coas fotos que fixeron da Guerra Civil Española a "primeira guerra testemuñada en sentido moderno", como consideraba a escritora Susan Sontag: expoñeranse instantáneas de Robert Capa, Gerda Taro, Agustí Centelles, Kati Horna e máis fotoxornalistas daquel momento. O 'Guernica' de Picasso, a obra icónica por excelencia cando pensamos en arte e guerra, é o punto de partida para as creacións de Pilar Albarracín e de Fritzia Irizar, que a conecta cos conflitos en Siria, Ucrania e Gaza. E viaxando máis atrás no tempo chegamos a 'Os desastres da guerra' de Goya, coa súa exploración do sufrimento humano e da resistencia contra a violencia que dá inicio á exposición da 32ª Bienal.

Motivos para a esperanza a través da empatía
Xunto a esta cartografía da destrución social e emocional que as guerras provocaron ao longo da historia e provocan na actualidade, outra parte das propostas artísticas presentes na Bienal de Pontevedra atreveranse a imaxinar futuros posibles para a humanidade, baixo unha premisa: a superación dos conflitos pasa por recuperar a empatía. Esta é a finalidade da 'Máquina para restaurar a empatía' de Eva KoťÃ¡tková, que a propia artista activará ao longo da fin de semana inaugural.
Tamén estará presente esa fin de semana de apertura o portugués Carlos Bunga, que manterá unha conversa co público o sábado 21. Bunga inspirouse na resistencia cotiá e a utopía presentes no histórico proxecto da Cidade dos Muchachos de Bemposta para crear as súas obras para a Bienal. Na conexión co mundo botánico inspíranse os traballos das galegas Almudena Fernández Fariña, Marta Pazos e Beatriz Ruibal e as explosións transformadas en flores heroicas de Marina Núñez.
O humanismo que aposta por modificar a nosa relación co universo e os seres que nos rodean latexa no filme "Bahari", de Lois Patiño ou na instalación de Diana Larrea na ponte de Santiago. E está moi presente nas culturas indíxenas de América, que se mantiveron á marxe da contemporaneidade e mantiveron unha relación coa natureza á que hoxe se volven moitas miradas. Na Bienal estará presente coas obras de Denilson Baniwa, Regina José Galindo e Violeta Quispe Jupari. Cunha visión diametralmente oposta, o transhumanismo eríxese como o intento por transcender as nosas limitacións biolóxicas a través da tecnoloxía. Nese espectro situaranse as pezas de Anna Hulacova e Taisia Korotkova.
O natural e o humano están tamén unidos na obra que a paquistaní Wardha Shabbir instalará na Illa das Esculturas. Xunta ela, outras dúas pezas de Soledad Penalta e Idoia Cuesta enriquecerán nesta edición este espazo de referencia da escultura contemporánea.
A lista de artistas presentes na Bienal complétase con outros nomes de igual relevancia: Antonio Ballester Moreno, Arvin Golrokh, Carmen Hermo, Christian Villamide, Farida El-Gazzar, Federico Solmi, Francesc Torres, Manal Aldowayan, Manuel Casimiro, Manuel Vilariño, Natee Utarit, Paloma Navares, Priscilla Dobler Dzul, Sandra Cinto, Sophia Al-Maria, Tobias Rehberger, Wang Guangyi , Yasmeen Abdullah e os novos valores Carlos Fer e Andrea Davila Rubio.

Cine, artes vivas e máis
A exposición complétase cun amplo programa paralelo con cine, artes vivas e conversas con artistas. Este xoves no xardín do Palacete das Mendoza arranca o ciclo 'Cine, arte e guerra', con seis sesións que ofrecen miradas pouco convencionais sobre os conflitos bélicos. O programa de artes vivas, baixo o comisariado de Iñaki Martínez Antelo, proporá cada venres desde o 27 de xuño un percorrido por espazos singulares da cidade e tamén de Vigo, Ponteareas, Sanxenxo e O Grove con performances, danza, música e accións colectivas que nos convidan a pensar que significa hoxe "volver a ser humanos".
As conversas con artistas participantes desenvolveranse ao longo do máis de tres meses de exposición. Permitirán ao público achegarse aos contextos, linguaxes e motivacións que deron forma ás obras desta 32ª edición da Bienal de Pontevedra que está a piques de arrancar.