Falece o pintor Víctor Casas

Era fillo do dirixente galeguista Vítor Casas fusilado polos golpistas en 1936

Segundo ven de publicar o xornal Nós Diario, o pintor Víctor Casas (Pontevedra,1936) faleceu hoxe en Madrid aos 89 anos de idade. Casas era fillo do dirixente galeguista Vítor Casas Rey, membro das Irmandades da Fala, que foi fusilado polos militares golpistas contra a República meses despois do nacemento do pintor, o cal marcou a súa infancia e xuventude. Víctor Casas formouse en Madrid na Escola de San Fernando, no Círculo de Belas Artes e en Fomento das Artes, para posteriormente pasar a colaborar producindo gravados cos artistas Amadeo Roca e Eduardo Peña no obradoiro Tres en Raia. Casas foi moi achegado a Isaac Díaz Pardo. Participou asiduamente en diversos certames pictóricos, como o IV Concurso de Pintura de Ponferrada ou na VI Bienal Internacional de Pontevedra, onde obtivo a medalla de ouro e a de bronce, respectivamente. O estilo de Casas pódese definir como intimista e entre os xéneros máis traballados están os do bodegón e a paisaxe, que ao mesmo tempo son os máis recoñecidos da súa produción. A obra deste autor, grande amante das viaxes, está representada en coleccións privadas e institucionais a nivel nacional, como na colección de AFundación.