Manuel Lourenzo durante o acto. Foto: Raquel Besteiro
A Universidade de Santiago de Compostela ven de inaugurar solemnemente a Cátedra institucional Otero Pedrayo. O reitor da USC, Antonio López presidiu o acto no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), acompañado do presidente do Parlamento de Galicia Miguel Ángel Santalices, o Secretario xeral de Lingua, Valentín García. da directora da cátedra, Dolores Vilavedra e do co director, Francisco Durán. A primeira acción desta cátedra foi a imposición da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago ao actor e dramaturgo Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943), que se levou a cabo no mesmo acto. Actores e actrices da Aula de Teatro da USC fixeron lecturas dramatizadas de obras de Outero pedrayo e do homenaxeado Manuel Lourenzo.
A Cátedra traballará para manter, arrequentar e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, en tanto figura sobranceira da Galicia do século XX. As súas actividades procurarán expandirse nos ámbitos galego, estatal e internacional impulsando a colaboración tanto con institucións e entidades públicas, o Institut Ramon Llull ou o Instituto Cervantes, por exemplo, como emanadas da sociedade civil, tal como diversas fundacións ou casas-museo na traxectoria, o pensamento e a obra do autor, así coma co estudo da tradición galeguista e da memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras.