As axudas á creación escénica da Agadic chegan a 25 compañías profesionais

Os 870.000 euros apoiarán o desenvolvemento de 19 montaxes de teatro, sete de danza e catro de circo

Un total de 30 novos espectáculos escénicos, dos que 19 son montaxes teatrais, sete de danza e catro de circo reparten os 870.000 euros das subvencións á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A entidade daba a coñecer este 10 de maio a resolución da convocatoria, que incrementou un 8,7% a súa dotación a respecto de 2024.

Na resolución recóllense tres achegas de 100.000 euros para compañías consolidadas, que repartirán este financiamento no trienio 2025-2027. Redrum Teatro, cos espectáculos Caídas, que trata o control social do comportamento feminino, e a comedia distópica Nas nubes foi unha das propostas seleccionadas. Talía Teatro, pola súa banda, desenvolverá con este apoio a sátira política Artur Ui e mais a reivindicación dos xogos populares Mariola. A compañía de circo contemporáneo Pistacatro, á súa vez, prevé levar a escena Alto voltaxe, Novos horizontes, Variedades Pistacatro e Mímica Maestro. Canda a estas, as axudas na modalidade de compañías de recente creación apoian o monólogo multidisciplinar Brazaletes, de Amorodio Teatro e A cámara escura, de Vórtice Escénico.

No aparto de producións escénicas para público adulto conseguiron apoio ButacaZero, que coproduce con Barrosanta Xoguetes rotos, De Ste Xeito Producciones a tratar as novas masculinidades con Señores que din, a reflexión sobre as crises climática e ecolóxica de Bioconstrución de Ibuprofeno Teatro, Os dous de sempre. O regreso de Mofa e Befa, Os Náufragos Teatro, que pon o foco sobre a violencia e o odio á diferenza en Riazor Ostia e mais A metamorfose de Kafka da man de Sarabela Teatro e Teatro do Noroeste coa peza de autoficción Manual de patronaxe.

Orientados ao público familiar, Ártika Cía prepara ao abeiro desta convocatoria O libro da selva, Ainé presentará Bibopalula e, no campo dos monicreques poderán verse O monstro de cores, de A Xanela do Maxín, Desxeo, de Nauta Teatro, Unha de medo, de Teatro Escena, e Maruja Mallo. Metade anxo, metade marisco, de Títeres Cachirulo.

Sete propostas de danza completan a listaxe de producións que reciben axudas no marco desta convocatoria. Destas, Velaiquich, amoorch!, do Colectivo D'elas, Nortear, de Helena Salgueiro e mais Unha non ten nome ata que o lembra, de Myriam González reicibiron apoio no apartado de propostas de propostas de compañías de nova creación. Na convocatoria específica para artes do movemento as beneficiarias son Furia Sotelo con Suite 25, Laboratorio Escénico con Monte-versión estendida, Teatro Ensalle con Primus Inter Partes e VACAburra con Familia Nijinska.