Talento feminino para encher meses en sete concellos

O Ciclo 'Elas son artistas' presenta a súa oitava edición que comeza este sábado

O Ciclo 'Elas son artistas' presenta a súa oitava edición que comeza este sábado
Anna Trea
A oitava edición do Ciclo Metropolitano de Músicas e Artes Pola Igualdade Elas Son Artistas terá como lema: 'As pequenas comunidades e as artes como refuxio ante a barbarie'. Un convite a reflexionar sobre o importante que é tecer unha comunidade e tamén do lonxe que están as persoas con inquedanzas culturais do afán desmedido de riquezas que nos achegan moitos medios de comunicación con constante información sobre as flutuacións das bolsas e os resultados das grandes empresas. Durante sete meses, de maio a novembro, o público poderá ver máis de vinte propostas creadas por mulleres artistas en sete concellos diferentes da área metropolitana da Coruña. Serán A Coruña, Arteixo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.

O ciclo comeza este sábado 10 de maio coa actuación do dúo madrileño Las Nietas del Charli. A actuación será ás 20:30 horas no Auditorio do Centro Cultural A Fábrica de Santa Cristina en Oleiros. As seguintes actuacións iranse distribuíndo dende o venres 6 de xuño coas coruñesas Leria en Arteixo no Auditorio exterior do Paseo Fluvial ata o 29 de novembro. O cartel para estes vindeiros meses o compón unha serie de nomes ligados á creación poética, plástica, musical ou escénica chegados desde diferentes lugares do planeta e que irán achegando desde as súas disciplinas a súa creatividade ao ciclo: Lucía Aldao; a murciana María Ruíz; Mamen Bazarra; Kate Clover; Julia Lago; Hannah Aldridge; Jacque Falcheti; Anna Tréa; Illa Bufarda; Irene Sanjuán; Adhara & Rtiman; Ángela Vila; Candela Liste; María Nieto; Raquel Crespo; Iria Pinheiro; Leticia Rey e Estefi Gómez.

Dende a organización sinalan como clave a vontade política dos concellos implicados aportando fondos para que o ciclo sexa unha realidade. Especialmente o Concello da Coruña no que se vivirán unha parte importante das actividades pola firme aposta por consolidar o ciclo na cidade. Tamén son fundamentais as colaboracións de empresas como a construtora Citanias que pasa de colaboradora a patrocinadora, e a continuidade de Gadis. Ademais, colaboran o albariño Marieta de bodegas Martín Codax, A Asociación de Intérpretes e Executantes, A República Musical Mardi Gras e Coca-Cola. Súmase este ano tamén a Xunta de Galicia como entidade colaboradora a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.