O Día do Libro protagoniza a axenda cultural

Santiago acolle o día 27 o encontro LeComigo arredor da escrita

A celebración do Día do Libro este 23 de abril concentra na lectura a axenda cultural da xornada. As bibliotecas galegas protagonizan boa parte das propostas, e en concreto as xestionadas pola Xunta propoñen medio cento de actividades que se desenvolven ata o final do mes.

Na Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia agasalla volumes a quen se achegue ás súas instalacións ao longo da xornada e organiza visitas guiadas para coñecer as súas instalacións, a incluír espazos habitualmente restrinxidos. Pola súa banda, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña acollerá unha visita escolar e unha sesión de Contos nas letras que recuncará o 28 de abril. Este tipo de actividade tamén será a protagonista o venres 25 de abril con A pita e xefa e Lonxe de todos en festas. A mostra bibliográfica Un libro, un soño completa as propostas para a efeméride.

Do mesmo xeito, a Biblioteca Pública de Lugo celebra tamén unha exposición bibliográfica, visitas escolares e unha sesión de contos de tradición oral para público adulto a cargo de Carolina Rueda. Ademais, os días 25 e 30 de abril celebraranse encontros cos autores, Ivet Núñez e Francisco Narla. Outro contacontos de Migallas Teatro o día 25 e unha degustación baseada no libro de receitas homenaxe á marquesa de Parabere, María Mestayer, tamén fan parte da axenda.

Xa en Ourense, a Biblioteca Pública son catro as exposicións bibliográficas programada. Dúas sesións de contacontos o 24 de abril para público de ata 3 anos. O centro ten tamén propostas arredor dos contos populares o día 25 e un concerto o sábado 26 de abril.

Para alén da súa propia exposición de libros, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra celebrará o obradoiro Scriptorium, sobre o traballo dos copistas. Para o día 25, celebrarase unha sesión de contacontos ilustrados e musicados por Enrique Labarta, que se complementa cun obradoiro de debuxo.

En Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal achega tres mostras bibliográficas e unha exposición de gravados do século XIX. Unha visita guiada ás 12 horas, que se completará cunha ruta para coñecer a pegada da Inquisición en Compostela neste día 23. O sábado 26, o público familiar poderá desfrutar do espectáculo musical de Pablo Díaz Contando números, cantando cores.

A Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo realizará visitas guiadas o 23 de abril, e achega a mostra Anatomía dun libro, que aborda os elementos constitutivos dos volumes e as materias que os compoñen como obxectos.

Ademais destas propostas, arredor desta data a Casa das Máquinas en Santiago de Compostela acolle a proposta lecomigo, que convida a xente a participar nunha lectura silenciosa durante unha hora. A seguir, o público asistente celebrará un encontro con autores e autoras que inclúen nomes como Pedro Feijoo, Blanca Riestra, Ismael Ramos, María Solar, Xelís de Toro, Anxos Sumai, Luís Rei, Helena de Carlos, Daniel Asorey, Marta Estévez, Ulises Bértolo, Rosa Aneiros, Xavier Queipo, Marga do Val, Antón Lopo, Encarna Otero, Anxo Quintela, Carme Vidal e Manuel Portas.