A poesía volta a Compostela co VIII Alguén que Respira!

Unha corentena de poetas, músicos e performers fan parte do programa que se desenvolve do 20 ao 22 de marzo

O Teatro Principal de Santiago acolle entre os días 20 e 22 de marzo a oitava xeira de Alguén que Respira! O "festival de poesía para corpo principal" contará nesta xeira cunha corentena de nomes entre poetas, profesionais da música ou performers baixo o lema Poesía/vida. Recitais, conversas e espectáculos interdisciplinarios queren "afondar no poder da palabra como espello da experiencia, da poesía como instrumento para a transformación persoal e social", segundo explica a presentación do evento.

Segundo o director do programa, Antón Lopo, esta xeira está dedicada "á relación entre a poesía e a vida, para descubrir ata que punto se pode vivir da poesía e ata que punto a poesía pode vivir instalada na vida". Nesa fusión explórase "como a través da metapoesía ou da poesía autorreferencial esa vida se transforma tamén en material literario onde a propia poesía é a protagonista".

Un café faladoiro entre os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari a reflexionar sobre a escritura poética desde o exilio abrirá o programa o día 20 ás 12 horas. De tarde será Xosé María Álvarez Cáccamo o encargado de ler o Manifesto Galego polo Día Mundial da Poesía dende o balcón do Teatro Principal. Para o día 21 o poeta peruano Mario Montalbetti acompañado de Luís López Alonso, protagonizará un encontro no que cuestionará a consideración da poesía como xénero literario.

A sesión Poesía para corpo principal reunirá voces "de distintos espazos lingüísticos que teñen en común a busca da harmonía melódica e o discurso político identitario". Sammer Abu Hawwash, a poeta irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuig, o catalán Toni Juncosa, o alacantino Juanpe Sánchez López e a galega Nieves Neira Roca protagonizan a primeira destas sesións o día 20, mentres o 21 será a quenda de Lara Dopazo, Berta Dávila, Ismael Ramos e Gonzalo Hermo.

Como novidade desta xeira preséntase a primeira edición de O que mutuos somos, sección "que esculcará as formas onde a poesía comparte teito coa vida da man tres parellas de artistas". Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco o día 20, Alicia Fernández e Eduard Velasco o 21 e María Sánchez e Jose González o 22 protagonizan esta primeira proposta.

A estas proposta engádense unha conversa sobre a chamada Xeración dos Neos, "voces nacidas no final da longa transición democrática, que compartiron os estudos universitarios e os primeiros signos da precariedade, e que foron construíndo a súa obra ao abeiro das redes, as publicacións alternativas e os premios literarios". Da man da crítica María Xesús Nogueira, autora dunha antoloxía sobre esta xeración publicada por Chan da Pólvora, o encontro tecerá unha conversa entre Chus Nogueira, Lara Dopazo, Berta Dávila e Ismael Ramos. Nun último encontro Arturo Casas e Carlos Lema desenvolverán unha conversa arredor da metapoesía e autorreferencia.

O sábado 22, desenvolverase unha nova edición de Atravesei a cerca, que permitirá explorar espazos ocultos do teatro a escoitar versos de Víctor Benavides, Branca Novoneyra, Dani Salgado e Isabel Cuena. O recital Poesía sen etiquetas fechará o evento o día 23 cunha proposta de hibridación artística na que participarán Helena Salgueiro, Miriam Reyes con El Pricto, Ilona Schneider e Vasco Trilla e Flow do Toxo

O festival inclúe tamén a entrega dos Premios Respira! de Poesía para o estudantado, que este ano recaeronn en Santiago Ferreiroa Pena, Vítor Augusto Ramos Pintos, Ainara Fernández Sueiro e Iris Abril Teijeira.