A RAG bota a andar a Primavera das Letras dedicada ás cantareiras

A obra teatral As Ferreñas (en vivo e en directo) de Paula Carballeira preséntase como principal proposta do programa didáctico

| Santiago. Redacción | Seccións: Día das Letras
Compartir:
Ilustración de Nuria Díaz para a Primavera das Letras

Ilustración de Nuria Díaz para a Primavera das Letras

O CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda acollía na mañá deste 10 de marzo a presentación da Primavera das Letras. O programa didáctico co que a Real Academia galega achega a celebración do 17 de maio ao público escolar botou a andar coa estrea, a cargo do alumnado deste centro, da obra teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira, que se pode descargar no web da iniciativa nunha edición ilustrada por Nuria Díaz.

A montaxe da que foi Premio Nacional de Teatro artéllase a partir dun programa de radio que artella un grupo de rapazas, e na mesma aparecen tamén personificadas as homenaxeadas no Día das Letras. Segundo explica Carballeira, co texto "quixen establecer un diálogo entre o pasado e o presente, que sempre acaba en futuro, darlles vida escénica ás cantareiras que homenaxeamos".

Canda a isto, o web da Primavera das Letras achega, como é habitual, diferentes pasatempos interactivos, fichas para dar cor, imaxes descargables e outros contidos didácticos arredor da celebración que se dedica este ano ás cantareiras. Segundo explicou a académica Fina Casalderrey, coordinadora do programa, na presentación "hoxe estreamos a Primavera das Letras 2025, coma quen inaugura unha fermosa ponte. Unha ponte máxica, feiticeira, que comunica a RAG coas nenas e nenos dos colexios de infantil e primaria de toda Galicia".

A elección de Cerceda para presentar a iniciativa responde a que na aldea da Vila da Igrexa deste concello naceron e viviron gran parte da súa vida Adolfina e Rosa Casás Rama, dúas das cantareiras nas que a RAG personifica a conmemoración do vindeiro 17 de maio. Canda a elas, a data homenaxeaa Eva Castiñeira, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). A RAG desenvolve este proxecto co apoio da Deputación da Coruña.

Que che parece esta nova?
115 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Paula Carballeira, Nuria Díaz, Celso Emilio Ferreiro, Cerceda...