O instituto Padre Sarmiento publica unha guía didáctica sobre o Seminario de Estudos Galegos

Dirixida ao alumnado de Primaria e Secundaria pode descargarse e hai exemplares impresos

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), do CSIC e da Xunta de Galicia, presentou a guía didáctica 'O Seminario de Estudos Galegos', iniciativa divulgativa promovida desde o citado instituto no marco do centenario do SEG (2023), o seu inmediato precedente. A obra, de preto de 100 páxinas, está editada por Editorial CSIC e conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. O obxectivo desta publicación é achegar, dun modo divulgativo ao estudantado dos cursos finais de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria, unha visión de conxunto do SEG: quen foron os seus membros e que inquietudes tiñan, que obxectivos fundamentais perseguiu o Seminario, como funcionaban as súas seccións, cal era o seu método de traballo, que achegou á ciencia, á cultura e ao coñecemento en Galicia. Todo iso mediante textos, ilustracións e actividades, aos que se suman xogos e recortables.

Acompáñase a publicación, ademais, de "E ti… de quen vés sendo?", unha versión do clásico xogo "quen é quen?" cunha selección de membros do SEG que os xogadores deben adiviñar mediante unha serie de pistas sobre o seu aspecto. A guía didáctica publicouse en versión impresa cunha tirada de 500 exemplares e tamén se pode descargar gratuitamente nunha versión dixital en PDF tanto na páxina web do IEGPS como na de Editorial CSIC. Desta maneira o IEGPS rende unha vez máis homenaxe e merecido tributo á súa institución predecesora, á que dedicou un importante número de actividades en 2023, ano do seu Centenario. O acto de presentación contou coas intervencións do director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; de María Rivo Vázquez en representación dos autores (ela mesma, Miguel García Fernández e Jeniffer Fernández González, persoal técnico de investigación do IEGPS); da ilustradora, Patricia Díaz Soto; e do secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.