O estraño caso Lobariñas

O paradoiro dunha gran historia de Galicia escrita en galego a principios do século XVII continúa a ser descoñecido

O paradoiro dunha gran historia de Galicia escrita en galego a principios do século XVII continúa a ser descoñecido
Inscrición que cita a Gregorio Lobariñas Feijóo. Foto: Perfecto Ramos
Como moitos outros episodios do pasado de Galicia, coa historia de As Galegadas escritas por Gregorio Lobariñas Feijóo, crego de Crecente (Pontevedra) poderíase facer unha película. E mesmo saberiamos os xéneros: sería de intriga, espías, ambientaríase nunha guerra fratricida e incluiría a personaxes poderosas na procura dun manuscrito desaparecido. A principios do século XVII Lobariñas escribiu en lingua galega unha Historia de Galicia desde a fundación ata a chegada do noso Señor, tamén chamada As Galegadas. Primeiro a Coroa impediu a súa publicación, aínda que logo a autorizou, sen chegar a ser aparentemente editada. A data destes feitos chama a atención porque durante a Idade Moderna, a nosa lingua foi relegada da vida culta e do poder. Varios investigadores procuran este misterioso manuscrito que podería deitar luz sobre o uso do galego nesa época.

O investigador Perfecto Ramos chegou a esta historia por casualidade. "Estaba a traballar sobre a fronte do río Miño durante a Guerra da Restauración", sinala, en referencia ao dramático conflito do levantamento de Portugal contra a coroa española iniciado en 1640. A fronteira galega, tanto no río Miño como na raia seca, converteuse nun dramático escenario bélico, moi incómodo para unhas poboacións fronteirizas unidas por lazos familiares, históricos e económicos, e que provocou unha dramática creba cultural e social nas dúas beiras da antiga Gallaecia.

Eruditos á procura de manuscritos
Perfecto Ramos coñecía unha casa en Crecente que no lintel tiña unha notable inscrición que mencionaba a Gregorio Lobariñas Feijóo, comisario da Inquisición e cura da parroquia. "Atopei unhas cartas de António Paes de Sande, quen era un portugués pasado ao bando castelán, que foi designado polo rei Filipe IV rexedor de Monção cando o exército real ocupou esa praza portuguesa en 1659", sinala Ramos. "Na primeira das cartas atopo que Paes de Sande lle escribe a Jerónimo de Mascarenhas, outro dos portugueses pasados ao bando castelán, exiliado en Madrid e nomeado bispo de Segovia. Cóntalle as vicisitudes para chegar a Monção e dille tamén que xa fixo xestións en relación aos libros do cura de Crecente". Jerónimo de Mascarenhas era un bibliófilo e erudito, autor de varias obras históricas aínda inéditas hoxe. "Foi entón cando me din conta de que falaban daquel cura da inscrición", sinala Ramos, "e entón esquecinme do traballo da guerra de Portugal e púxenme a seguir ese rastro".

Da prohibición ao permiso
Ramos publicou o seu traballo no libro Os Lobariñas Feixoo. Luz e memoria nos séculos escuros (Aira Editorial, 2023), no que investiga o rastro novelesco deixado polo libro, localiza documentación que permite hipotetizar sobre o seu contido e mesmo explora os interesantes métodos de investigación histórica do crego. A publicación complementa o artigo publicado en Obradoiro de Historia Moderna por Fernando Bouza, catedrático da Universidad Complutense de Madrid en 2009: Dar Galicia y el gallego a la imprenta, na que rastrexaba o rastro bibliográfico do manuscrito. Bouza localizara a documentación que sinalaba como Gregorio Lobariñas tentara en 1616 que o consello real lle aprobara As Galegadas, que nas palabras do autor "contiene en lengua gallega el origen de aquel Reyno prosiguiendo por los Reyes y señores que le governaron desde el diluvio general hasta la venida de nuestro señor Jesuchristo, con otras antigüedades dignas de saberse". A Coroa non deu permiso para a impresión. Dez anos despois, Lobariñas tentouno de novo, con outro libro posiblemente moi similar ao anterior titulado Historia de Galicia desde su fundación. Neste segundo caso, o libro si foi aprobado, pero non chegou a ser editado.

Ramos foi seguindo o rastro documental do libro a través da correspondencia de Paes de Sande. Nunha carta aínda posterior, informoulle a Mascarenhas que xa contactou co sobriño do cura de Crecente e adxuntoulle unha carta na que dá conta da vida do seu tío, e informoulle de que escribira unha Historia Sagrada de Galicia, unha novela "adornada con todo tipo de versos" e "unha historia de Galicia, cos seus reis e a súa lingua", case con certeza o famoso manuscrito. Non se conserva ningún dos libros. No universo dos anticuarios europeos do século XVII, os manuscritos eran unha parte importante da súa actividade, de tanta relevancia coma os libros impresos. Circulaban con moita frecuencia a través das redes persoais e perseguíanse con celo, para ser empregados en novas crónicas e traballos.

Un anticuario que viaxaba
"O curioso é que os eruditos continuaron falando moito tempo despois da morte de Gregorio Lobrariñas doutro destes manuscritos inéditos, a Historia Sagrada de Galicia, pero As Galegadas desapareceron da memoria", explica Perfecto Ramos. Grazas ás referencias a estes textos en cartas e en citas noutros manuscritos, Ramos puido ir coñecendo algúns dos contidos, das fontes de Lobariñas. O pouco que se sabe defíneo coma un anticuario do seu tempo, interesado en determinada idea da Historia moi conectada coa Igrexa e coa monarquía, aínda que a Perfecto Ramos chamoulle moito a atención unha actitude innovadora do crego de Crecente: certa obsesión por acudir persoalmente aos lugares da Historia. Isto, que hoxe en día pode parecer lóxico, non era nada frecuente nos anticuarios dese tempo. Deste xeito, Lobariñas percorre o país na procura dos escenarios, moitas veces épicos, das historias que debeu narrar na Topografía Sacra, como a victoria de Afonso II contra os musulmáns, que o crego de Crecente situaba en Fornelos de Montes. O curioso enfoque de investigar os soberanos da Galicia prerromana e pagá fai imaxinar unha historia moi próxima aos cronicóns imaxinarios que partían da Biblia e das fontes clásicas gregas e romanas, pero considerando o interese de Lobariñas por pisar os lugares, poderíase supoñer tamén que esas Galegadas conterían descricións de sitios arqueolóxicos ou tradicións orais que hoxe en día terían un inmenso valor.

"Esta Historia Sagrada", sinala Ramos, "debeu circular a través de varias copias manuscritas, porque todos os autores portugueses e casteláns que se refiren a elas copian fragmentos enteiros e chámanlle Topografía sacra de Galicia". Esta presenza portuguesa é lóxica porque no rastro do manuscrito, Ramos sabe que o libro cruzou o río Miño. O sobriño de Lobariñas Feijóo sabía que o seu tío lle prestara As Galegadas a outro crego portugués, João Salgado de Araújo, partidario ao principio da unión entre Castela e Portugal, pero que rematou pasándose ao bando portugués durante a guerra. O inicio da guerra separou aos dous amigos e no seu transcurso, o Salgado de Araújo morreu e o libro pasou ao seu sobriño. "A partir de aí pérdese o seu rastro", sinala Ramos.

O axente infiltrado
Fáltanos o espía prometido ao inicio da reportaxe. Aquel António Paes de Sande, o portugués que gobernaba Monção en nome do rei de Castela durante a guerra, era unha personaxe que gardaba un segredo. "Antes deses feitos, cando se pasou ao bando castelán, pide prebendas ao rei para sobrevivir. Danlle cargos e títulos, pero el continúa a solicitar máis, e o Consello de Portugal en Madrid, o órgano de goberno, négase porque di que xa é abondo. E aparece unha carta do rei ordenando que si llos concedan porque ese home lle fixo servizos á Coroa que só el sabe", explica Ramos. O caso é que durante a guerra, o Arcebispo de Santiago, comandante das tropas reais durante a guerra, decatouse de que cada vez que tentaban saquear unha aldea portuguesa, todos escaparan xa coas súas facendas. E comezan a sospeitar que hai un infiltrado nas filas do exército, e que ese infiltrado é Paes de Sande. Como as sospeitas comezan a ser clamorosas, Sande teme pola súa vida e pide ir a Madrid a explicarse en persoa, pero desde alá lle indiquen que continúe no seu posto. Mentres goberna Monção, Sande continúa a buscar As Galegadas dunha banda e doutra da fronteira sen éxito. "Así que un día monta un paripé", explica Ramos, "di que quere ir rezar unha novena a unha capela ás aforas de Monção. Conforme van pasando os días da novena, os soldados relaxaron a vixilancia. E nese momento apareceu un rexemento portugués que o rescata. Efectivamente, Paes de Sande era un axente infiltrado ao servizo do rei portugués, e foi recibido con grandes honras como heroe.

Pero o noso manuscrito continúa desaparecido. "Eu quero pensar que un día aparecerán As Galegadas ou esa Topografía Sacra de Galicia, en calquera sitio, se cadra no lugar menos agardado. Os portugueses son moi coidadosos con estes temas e consérvanse bastantes inéditos de Salgado de Araújo", explica Ramos, quen valora a transcendencia do propio volume. "É unha constatación que nunha época difícil para a nosa lingua e cultura houbo quen abordou un proxecto de gran formato sobre a nosa historia e en galego", explica. Ou dito doutro xeito, que deitou luz sobre os séculos escuros. Entrementres, moitos investigadores galegos que debullan na enorme cantidade de documentación inédita da Idade Moderna nos arquivos e bibliotecas da Península agardan atopar, calquera día destes, un estraño manuscrito en galego que dá conta dos reis que gobernaron Galicia na noite mítica dos tempos.