A RAG recibe en depósito o legado fotográfico de Francisco Pillado González

Custodiará máis de 2.000 fotografías da Coruña e a súa xente tomadas entre 1920 e 1970

Custodiará máis de 2.000 fotografías da Coruña e a súa xente tomadas entre 1920 e 1970
Cativo-con-palangre. Colección Francisco Pillado. Arquivo RAG
Francisco Pillado fotografando. Colección  Francisco Pillado. Arquivo familiar.
Francisco Pillado fotografando. Colección Francisco Pillado. Arquivo familiar.
Case medio século despois do pasamento de Francisco Pillado González (A Coruña, 1892-1977) a Real Academia Galega ven de recibir dos seus descendentes o legado fotográfico deste home, contable de profesión e apaixonado pola fotografía. A colección que a RAG pasa a custodiar en depósito está composta por unhas 2.000 placas e negativos fotográficos e uns 100 positivos en papel, así como un filme e un visor estereoscópico. Entre os anos 20 e os 70 do século pasado, Pillado González inmortalizou a cidade e ás súas xentes en milleiros de instantáneas que realizou coa súa ollada, á procura da beleza e da dignidade do cotián, do aparentemente pequeno. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes agradeceulles aos descendentes deste artesán da imaxe a escolla da institución como depositaria dun legado que é parte da “nosa memoria visual, que cómpre preservar e divulgar”.

A RAG sinala que Francisco Pillado González foi un dos máis destacados fotógrafos afeccionados que se agruparon arredor da Sociedad Fotográfica Coruñesa, da que foi vicepresidente. A prensa da época deixa constancia dos diversos premios cos que foi recoñecido e das exposicións nas que participou canda outros amadores. A familia de Pillado pecha con esta entrega o círculo dun proxecto iniciado hai algo máis dunha década. Arrincara co apoio do fotógrafo José Caruncho, autor da escolma de imaxes exhibida no libro 'Coruña, catro temas' (2014) e a exposición homónima. Tras esa redescuberta pública chegarían, entre outras iniciativas, diversas exposicións e as colaboracións co documental 'Esquece Monelos', de Ángeles Huerta, e con 'Só hai horizonte', obra musical de Juan Vara con poemas de Xavier Seoane.

Un gran retratista
Coma acontece con outros fotógrafos afeccionados da época, nas imaxes de Francisco Pillado advírtese a influencia do pictorialismo, unha vontade estética que o levaba a preparar polo miúdo cada escena. Na súa colección abundan así paisaxes urbanas da Coruña e outros escenarios de vilas próximas como Corme ou Betanzos, espazos portuarios, buques, velames. Pero destacan sobre todo os retratos, moitos deles de mariñeiros, lavandeiras ou labregos, xente pertencente a unha clase social distinta á súa á que sempre se achegou dende o respecto, salienta a súa descendente, Julia Tarrío Pillado. "Era un gran conversador, moi humano e próximo, interesáballe realmente a vida da xente que retrataba. Temos a certeza de que a xente que posou o fixo despois de fumaren varios pitos xuntos e unha longa conversa, non dende unha actitude paternalista senón dende o interese verdadeiro", afirmou. Fillo do pianista Francisco Pillado Villamil, o fotógrafo medrou nunha familia acomodada da Coruña, pero namorouse de Filomena Rivadulla, filla dunha peixeira e un mariñeiro. "A familia da avoa era xente traballadora do Muro, humilde, como a que tanto retrataría despois o avó", explica Marga Tarrío Pillado, quen participou tamén na presentación do fondo que se incorpora ao arquivo da Academia. Estes lazos de sangue deixan tamén pegada na RAG, porque ademais das fotos realizadas polo propio Francisco Pillado os seus descendentes facilitaron copias ao arquivo da Academia de imaxes do álbum familiar histórico datadas entre finais do XIX e comezos do XX. Algunhas delas realizáronse no estudio Sellier, un dos pioneiros da fotografía en Galicia.



Guitiriz

.....repetir




Xeados nos xardíns de Méndez- Núñez

.....repetir




TEXTO

.....repetir