A Deputación da Coruña presenta un novo Fondo de apoio a proxectos culturais singulares

A convocatoria conta cuns fondos de 300.000 euros que repartirá en 20 premios

| Santiago. Redacción | Seccións: Cultura
Compartir:

Ata o vindeiro 21 de marzo está aberto o prazo para presentar propostas ao novo Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social. A Área de Cultura da Deputación da Coruña convoca este certame que "premiará iniciativas culturais que desenvolvan propostas en lingua galega de interese para campos de acción social coma a igualdade, dereitos civís, respecto á diversidade, respecto medioambiental, medre da estima colectiva e cohesión social, integración social, memoria democrática ou sensibilización patrimonial e identidade local".

A proposta substitúe a antiga liña de apoio a proxectos singulares de especial interese cultural, que xa non se convocara en 2024. Como aquela, o novo certame está orientado a empresas e entidades con ánimo de lucro. No canto de distribuír subvencións que cobren porcentaxes de cada proxecto, o Fondo distribúe premios que oscilan entre os 7.500 e os 22.500 euros. O orzamento total da convocatoria é de 300.000 euros, 25.000 euros máis do que a anterior.

Deste xeito, os cinco proxectos de maior puntuación recibirán un importe ata o máximo establecido, mentres os cinco seguintes optarán a unha achega máxima de 17.500. No seguinte tramo de puntuación, cinco proxectos poderán levar ata 12.500, e os cinco últimos seleccionados terán un máximo de 7.500.

Segundo apuntou Natividade González, responsable de Cultura no organismo provincial, a convocatoria supón "outra aposta do noso departamento por políticas públicas que apoien claramente a diversidade cultural e garantan o dereito á produción e ao acceso cultural no noso idioma, que se atopa nunha situación preocupante".

Que che parece esta nova?
92 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Deputación da Coruña, Identidade, Igualdade, Lingua galega...