Encarna Alonso recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

A veterana script verá recoñecido o seu traballo e a súa pertenza a unha xeración de técnicas pioneira

A Academia Galega do Audiovisual ven de comunicar que a persoa que recibirá o Premio de Honra Fernando Rey desta XXIIIª edición dos Premios Mestre Mateo será a script Encarna Alonso. Desde a academia recoñecen a importancia do seu labor para as producións audiovisuais e remarcan a súa importancia como parte dunha xeración de técnicas pioneira que foron determinantes para que o nacemento do audiovisual galego moderno se desenvolvese sobre os piares da profesionalidade e a excelencia. A primeira longametraxe na que traballou Encarna Alonso foi 'Sempre Xonxa' en 1989, e desde aquela participou en máis de vinte longas, moitas curtas e case 500 capítulos de televisión.

Encarna Alonso nace en 1955 en La Ercina (León) pero desde os anos setenta vive na Coruña. Estudou maxisterio pola súa vocación de dar clase pero traballa no audiovisual desde 1987. Aínda que entrou na industria por casualidade, o seu nome pronto se converteu nun imprescindible no oficio de script, cuxo labor é fundamental para garantir a continuidade, a coherencia e a fidelidade do relato visual e narrativo. O premio entregarasa na gala que se celebrará o vindeiro 15 de marzo en Lalín.