María Bouzas recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

A actriz recibirá o galardón na gala dos premios Mestre Mateo do audiovisual

María Bouzas. Catálogo de actrices e actores da AAAG
María Bouzas. Catálogo de actrices e actores da AAAG
A Academia Galega do Audiovisual (AGA) ven de facer pública a súa decisión de homenaxear co Premio de Honra Fernando Rey de 2018 á actriz galega María Bouzas (Mugardos, 1962). Co galardón, a AGA quere "recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia". Bouzas, que foi presidenta da AGA entre 2006 e 2009, recibirá o Premio Fernando Rey durante a Gala dos Mestre Mateo, que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña o sábado 3 de marzo. No palmarés profesional da actriz este premio súmase a dous María Casares, cinco Mestre Mateo e un Premio da Cultura Galega, que subliñan a relevancia da carreira da homenaxeada.

Nacida en Mugardos, María Bouzas criouse, pola emigración da súa familia, en Suíza. Tras estudar Maxisterio e Arte Dramático, o seu primeiro traballo artístico profesional foi en 1987 da man de Mario Gas, que dirixiu O mozo que chegou de lonxe para o Centro Dramático Galego. Chegou a fundar con María Pujalte a súa propia compañía, chamada “Compañía de Marías”. Alén do éxito no teatro, foi na pequena pantalla onde interpretou os papeis que a fixeron máis coñecida para o gran público, como a Charo de Pratos combinados, a Carmela de Terra de Miranda ou a malvada Dona Francisca de El secreto de Puente Viejo, papel que encarna dende 2011 na vixente telenovela. Tamén no cine amosou a súa versatilidade traballando en multitude de roles de cintas imprescindibles como Arde amor, Sei quen es, Blanca Madison, El alquimista impaciente ou a que protagonizou máis recente Una mujer invisible entre outras, ás ordes de cineastas como Patricia Ferreira, Gerardo Herrero ou Luís Avilés.


Vídeo de María Bouzas no catálogo da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG)