O festival de Ortigueira crea o Laboratorio de Cántigas Novas

Ugia Pedreira e Óscar Górriz dirixen este novo espazo formativo sobre música tradicional

12/2/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:

O vindeiro 8 de marzo comeza a súa actividade en Ortigueira o LAB-Laboratorio de Cántigas Novas. O Festival Internacional do Mundo Celta que se celebra nesta localidade abre este novo espazo de formación no campo da música tradicional coa dirección de Ugia Pedreira e Óscar Górriz e coa colaboración da escola de gaitas municipal.

A proposta formativa, que se desenvolverá en sábados alternos ao longo de cinco meses "busca impulsar a creación artística a partir da riqueza da lírica galega de tradición oral" cun "programa único que combina investigación, creación colectiva e individual, e actividades comunitarias. O obxectivo principal é promover a creación de novas cántigas e pezas musicais, resignificando o patrimonio herdado e abrindo diálogos con outros estilos e formas poéticas". O programa pretende así "nutrir a creatividade persoal e comunitaria, posicionando a música galega contemporánea como referente emerxente dentro das músicas tradicionais ibéricas".

O programa do curso inclúe nocións históricas sobre a música tradicional, explicación dos xéneros e paus deste patrimonio, introdución á harmonía, estruturas e dinámicas de composición ou nocións sobre rima e a improvisación oral entre outros contidos. As sesións contarán con profesorado como Ramom Pinheiro, Alba María, Pedro Pascual ou Alejandro Vargas.

O LAB conta cun total de 25 prazas que pagarán unha matrícula de 200 euros, e ten aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 24 de febreiro. O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acolle este día 14 un acto de presentación da iniciativa.

Que che parece esta nova?
51 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ortigueira, Ugia Pedreira, Festival de Ortigueira, Celta...